Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O PP esixe explicacións pola tardanza nas obras do Anexo

Por 12 Novembro, 2023Sin comentarios

Os populares condenan os atrasos por parte do goberno da Deputación de Lugo en realizar as obras de mellora do Anexo ao Pazo Provincial dos Deportes, coñecido como Pacito; xa que supón “graves prexuízos para os seus usuarios, rapaces e rapazas de categorías inferiores de distintos clubs da cidade de Lugo, que non poden adestrar nin disputar os seus encontros oficiais”.

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, esixe explicacións pola tardanza na colocación do parqué, “unha actuación que debería estar rematada no verán, antes do inicio da temporada”. Afirma que debido ás obras, os clubs non dispoñen dunhas instalacións en perfecto estado e “mentres fixo bo tempo aproveitaron para adestrar no exterior, pero agora no inverno non é viable e, ademais, o resto de instalacións deportivas do municipio lucense e incluso dos municipios limítrofes están xa colapsados”.

Ameijide quere saber se son certos os rumores para aclarar “se houbo ou non problemas que xustifiquen o atraso”. Pero, en todo caso, urxe a rematar a obra e a ofrecer aos usuarios explicacións sobre o atraso, a previsión para a finalización das actuacións e da data na que o Anexo estará a disposición dos clubs.

O popular subliña que “se trata dunha nova demostración de que o goberno provincial non é quen de ofrecer solucións ás necesidades da cidade e da provincia en materia de instalacións deportivas, abandonadas dende fai anos”.

DEFICIENCIAS DO ANEXO

Asegura que usuarios, cidadanía e afección demandan a mellora das instalacións do Anexo “que presenta numerosas deficiencias”.

Ameijide explica que “aínda non está instalado o parqué, nin rematadas as obras interiores”. E engade que “non sabemos se xa se solucionaron definitivamente os problemas de goteiras e filtracións”. Así mesmo, lembra que “segue pendente a construción ou habilitación de vestiarios que dean servizo ás pistas do Anexo ao Pazo dos Deportes, ben sexa construíndo uns no propio pavillón ou nas inmediacións, ou ben habilitando e garantindo un acceso directo aos vestiarios do Pazo Provincial dos Deportes”.