Skip to main content
Castroverde

O PP de Castroverde denuncia a “parálise” do polígono industrial

Por 24 Novembro, 2023Sin comentarios

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, Carmen José López e Francisco Balado, acompañados de concelleiros do Grupo Municipal do PP de Castroverde visitaron hoxe o polígono industrial do municipio e comprobaron “os nulos avances que se produciron nesta zona durante os últimos anos”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, non entende “os nulos avances” dados na promoción desta zona industrial “que en lugar de ser un polo xerador de riqueza para Castroverde converteuse nunha zona chea de toxos e matogueiras”.

Dende o PP critican a situación á que chegou a que tiña que ser unha zona industrial e de referencia para Castroverde, que se creou mediante un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, Suplusa e o Concello de Castroverde.

A adxudicación da obra desta zona industrial tivo lugar no ano 2010 e rematou en torno ao ano 2015. “Dende entón, nada se fixo por parte do rexedor local nin dos diferentes gobernos socialistas na Deputación de Lugo por impulsar de xeito real e efectivo esta zona industrial”, lamentan.

A realidade é que este polígono, que contou cun investimento de 2,7M€ da Deputación de Lugo, non foi o que prometeron no seu momento o que era presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde do municipio, José María Arias. “Por desgraza, actualmente o polígono non chega nin a unha ínfima porcentaxe de ocupación, o estado de mantemento é nefasto e o máis grave é o nulo interese dos gobernos provincial e municipal por potencialo”, afirmou.

O expresidente da Deputación, Gómez Besteiro, presumira do compromiso da Deputación que, na realidade, “non se veu por ningunha parte”. “Besteiro afirmara que contaban con empresas para afincarse neste polígono, pero o paso dos anos demostrou que mentiu, como adoita facer sempre”, criticou Ameijide.

O voceiro provincial tamén puxo en entredito as palabras do alcalde de Castroverde no momento de comezar as obras do polígono. José María Arias afirmara que o polígono era moi demandado no municipio “unha demanda que na realidade non se ve por ningunha parte, seguramente porque o alcalde non fai os deberes e incentiva que se asenten empresas en Castroverde ou porque non ten peso algún no goberno provincial e a Tomé non lle interesa apoialo para potenciar as carreiras políticas doutros cargos do PSOE”.