Skip to main content
Cervantes

A necrópole dos Forniños e o campamento romano, nos Ancares, conta con nova sinalización

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a ANPA do CPI de Cervantes propuxeron a colocación de varias sinais de dirección, situación e paneis informativos no cemiterio do período neolítico dos Forniños e no campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros, situados na espectacular paraxe de O Circo, entre os concellos de Cervantes e Valboa, no Bierzo, a case 1.300 metros de altitude sobre o nivel do mar.

A necrópole dos Forniños está formada por catro mámoas duns 6.000 anos de antigüidade. A de maiores dimensións ten uns 20 metros de diámetro e dous de altura.

O asentamento romano foi construído en época altoimperial, no período expansivo do exército romano durante as denominadas como guerras astur-cántabro-galaicas, acontecidas entre o 29 e o 19 antes de Cristo. Este campamento garda relación co trazado da Vía romana XIX que, a través do Comeal, en Cervantes, enlazaba Asturica Augusta, hoxe coñecida como Astorga, con Lucus Augusti, Lugo.

Tamén se están a colocar sinais en tramos da Vía XIX e nas espectaculares explotacións auríferas romanas de Riamonte que logo tiveron continuidade ata entrado o século XX para a extracción doutros minerais, tanto a ceo aberto como en galería. Para a próxima primavera está previsto que as rutas estean debidamente acondicionadas.

Estas novas actuacións súmanse ás iniciadas non ano 2021 onde, pola súa proposta, xa se sinalizaran varios bens patrimoniais da comarca (mámoas, petróglifos, castros e pontes). Os traballos están financiados polos fondos Next Generation da Unión Europea a través da subvención convocada pola Xunta de Galicia para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera galegas que no caso de Lugo coordina a Deputación Provincial.