Skip to main content
Lugo

A Orquestra Matosinhos completa o programa do Festival de Jazz patrocinado polo Eixo Atlántico

Por 4 Novembro, 2023Novembro 5th, 2023Sin comentarios

O concerto enmárcase dentro da programación da cidade como Capital da Cultura e, co obxectivo de ampliar o festival a novos públicos, a entrada será de balde.

A Alcaldía de Lugo patrocina a actuación da Orquestra Matosinhos no marco da XXXIII edición do Festival de Jazz de Lugo. A colaboración foi anunciada esta mañá pola rexedora, Lara Méndez, e por Alberto Grandío, membro da organización do evento e impulsor desta histórica cita musical. O concerto, que terá lugar o próximo domingo día 19 e que servirá para poñer o broche de ouro na clausura desta 33ª edición, enmárcase dentro da programación da nosa cidade como Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Ademais, co obxectivo de ampliar o festival a novos públicos, a entrada será de balde ata completar o aforo.

“O obxectivo que perseguimos con esta colaboración é contribuír a divulgar o jazz como estilo musical ao mesmo tempo que se dá a oportunidade de que un publico diverso coñeza o festival, que é un auténtico tesouro para a nosa cidade e define unha parte substancial da oferta cultural do mes de novembro na zona noroeste da península”, asegurou Méndez, quen agradeceu a Grandío a súa implicación no movemento cultural lucense destacando a súa faceta como programador musical ao longo dos últimos 40 anos. “Grazas ao seu constante, lonxevo e incansable traballo, Lugo pode presumir de contar cun festival de Jazz envexable”, sinalou a alcaldesa.

Pola súa banda, Alberto Grandío, recoñeceu que poder incluír a OJM no festival era un vello anhelo da organización e agradeceu a colaboración de Lara Méndez para que isto fora posible. “A Orquestra Jazz de Matosinhos é un referente a nivel internacional, non só pola súa calidade musical extraordinaria, senón polo seu labor como motor cultural no país veciño, polo seu impulso a xente nova e aos novos valores musicais e tamén polo seu arduo traballo educativo coas crianzas”, sinalou Grandío, quen destacou así mesmo a contribución da orquestra a conservación do repertorio luso e a divulgación do jazz portugués a nivel internacional.

Antes de rematar, Méndez aproveitou para facer balance da capitalidade lucense do Eixo Atlántico que conclúe nunhas semanas. “Grazas a citas como esta ou aos concertos lusos programados no Caudal Fest, Lugo Capital da Cultura, non só colocou a nosa cidade no epicentro da cultura galaico-portuguesa ao longo do último ano, senón que supuxo un impulso ao turismo e unha extraordinaria promoción para o futuro da nosa urbe como destino cultural”, proseguiu Méndez, quen animou a veciñanza a asistir a esta cita. “É unha oportunidade única de gozar dunha actuación de prestixio internacional”, concluíu.