Skip to main content
LugoSarria

Isabel Rodríguez valora positivamente o futuro da Intermodal e da variante da Pobra de San Xiao

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou que o Goberno Central cumpre con Lugo tras o anuncio da adxudicación do contrato por 41 millóns de euros da Intermodal e a prolongación da variante de A Pobra de San Xiao.

Corroborou que, deste xeito, se fai realidade a mellora das comunicacións tanto na cidade como na provincia: “O Goberno de Pedro Sánchez dá un paso máis no seu compromiso con Lugo”, afirmou en alusión á nova estación ferroviaria, que “permitirá dar resposta ao aumento do tráfico de trens e viaxeiros derivados da renovación da liña Lugo- Ourense”, que conecta a cidade co corredor de alta velocidade.

A subdelegada explicou que “mentras outros gobernos deixan os proxectos e as promesas nos caixóns, nós damos cumprimento con feitos e realidades”, engadindo que “informamos á conselleira de que o Goberno está a investir 550 millóns de euros, un compromiso nunca visto co PP, para conectar a alta velocidade con Lugo”.

Neste senso, Rodríguez destacou “o intenso traballo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que liderou e recuperou o proxecto da Intermodal co apoio do Goberno de España, pasando das promesas aos feitos e fóra do ruído partidista que non aporta nada á xestión política”.

Tamén puxo énfase na importancia de modernizar as infraestruturas e avanzar na mellora das conexións ferroviarias, pois a variante de A Pobra de San Xiao, á que se destinan 18,6 millóns no tramo entre os municipios de Láncara e Sarria “incrementará a seguridade e reducirá os tempos de viaxe dos percorridos”.

A subdelegada finalizou incidindo en que “sempre poñemos por diante as necesidades dos lucenses, e este anuncio supón un paso grande na conquista de melloras fundamentais para o desenvolvemento da provincia”.

O PP, en contra

O anuncio da licitación da obra da intermodal de Lugo é “unha boa nova a medias” para a provincia, segundo o PP, xa que sempre é positivo contar con infraestruturas modernas e actualizadas pero “de nada serve unha gran estación se a ela non chegan trens nin a Alta Velocidade, iso é o realmente grave o PSOE deixou a nosa provincia fora da Alta velocidade e hoxe confirmouse de novo”.

O voceiro popular Antonio Ameijide lamenta que “Lugo siga a marxe” da Alta Velocidade xa que o anuncio da contratación da obra da futura estación intermodal de Lugo e a prolongación nun quilómetro da variante de Láncara non alteran a realidade. “Pese a este investimento, Lugo cada vez será menos competitivo”, reflexionou Ameijide, que engadiu que “precisamos desta infraestrutura, pero non pode estar baleira, xa que non servirá de moito se non hai frecuencias e tampouco chega a Alta Velocidade”.

Ameijide insiste en que é necesario recuperar o proxecto da Alta Velocidade para a provincia de Lugo “para non seguir perdendo competitividade”, algo que pasa polarecuperación dos proxectos xa presentados e comprometidos con partidas orzamentarias para executar as variantes de Rubián, Peares e Canabal, “imprescindibles para garantir que os trens poden circular a alta velocidade”.