Skip to main content
Lugo

O Círculo das Artes acolleu a X edición dos Premios Crer no Movemento Veciñal de Cogave

José Tomé manifestou o “rico e amplo” que é o tecido asociativo da provincia, e expresou que a Deputación de Lugo “sempre está coa man tendida para colaborar no que sexa posible porque compartimos o mesmo interese”.

A entrega dos X ‘Premios Crer no Movemento Veciñal’ tivo lugar esta mañá no Círculo das Artes en Lugo, organizada pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais ‘Rosalía de Castro’ (CoGAVe), unha organización que está integrada por sete federacións veciñais das catro provincias.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou desta iniciativa e puxo en valor o papel do movemento veciñal lucense e galego como factor para sacar adiante proxectos que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas. “A unión da veciñanza”, indicou, “permite avanzar na mellora dos servizos públicos, das comunicacións, da igualdade e da inclusión social”.

Para o delegado “o acto é un recoñecemento ao traballo que fan os homes e mulleres das asociacións de veciños e veciñas de parroquias, vilas e cidades de Galicia, que son auténticas escolas de cidadanía”, ao tempo que chamou ao seu diálogo e colaboración coas administracións públicas.

Nesta liña, o delegado do Goberno asegurou que “é a unión da veciñanza e da administración local que a dirixe, representada aquí na súa alcaldesa, Lara Méndez, a forza impulsora da transformación que está a vivir Lugo, unha cidade que vai contar, agora si, cunha estación de tren á altura da súa xente e deste provincia”.

Finalmente, Pedro Blanco felicitou a COGAVE e á Federación Veciñal de Lugo e deulles os parabéns a todas e todos os premiados, destacando a distinción entregada ao xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Miguel ángel Arias “pois se falamos de calidade de vida, debemos facer mención a seguridade que garanten as Forzas e Corpos de Seguridade”.

Presenza da Deputación de Lugo no acto

Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tamén asistiron á gala, onde Tomé puxo en valor o dinamismo e vitalidade do movemento veciñal, que “seguirá a ser un dos sinais de identidade da nosa provincia”.

Ademais, felicitou aos premiados e ás premiadas, pero tamén aos impulsores e organizadores destes galardóns por cumprir unha década con este evento. “Indica que se está traballando ben, que se vai polo bo camiño”, ao mesmo tempo, dixo, “iniciar unha nova década de vida supón unha invitación a afondar nese traballo, a pensar novas ideas e a seguir defendendo os intereses do movemento veciñal”.

Así, manifestou o “rico e amplo” que é o tecido asociativo da provincia, e expresou que a Deputación de Lugo “sempre está coa man tendida para colaborar no que sexa posible porque compartimos o mesmo interese, que é deseñar o mellor futuro de progreso para a provincia de Lugo, favorecendo a calidade de vida e o benestar dos veciños e das veciñas con máis e mellores servizos, e abrindo novas oportunidades de desenvolvemento social e económico”.

Participación da Xunta de Galicia

Clon respecto á Xunta de Galicia, tamén estivo presente neste acto a través do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, onde reafirmou o compromiso da Xunta cos colectivos veciñais.

Diego Calvo lembrou que os orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 3 millóns de euros para as subvencións anuais dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais xunto con comunidades de usuarios de auga, no marco do Plan específico de acción comunitaria.

A través destas axudas, a Xunta está á disposición das entidades veciñais e de mulleres rurais para axudarlles a levar a cabo melloras nos seus locais sociais e dotalas do equipamento necesario co que realizar a súa actividade, así como colaborar coas comunidades de usuarios de augas en reparacións de traídas de augas. Ao abeiro deste apoio, un total de 304 entidades veciñais galegas resultaron beneficiarias este ano da convocatoria de subvencións, 36 delas na provincia de Lugo cun investimento de máis de 307.000 euros.

O vicepresidente primeiro incidiu na importancia de que as administracións apoien o asociacionismo local polo seu importante papel na dinamización vida social e cultural da contorna e na mellora da calidade de vida da veciñanza. Ademais, engadiu que estes colectivos son o ámbito máis próximo á veciñanza e, polo tanto, constitúen unha canle fundamental para trasladar as súas demandas.