Skip to main content
Lugo

As persoas interesadas poderán visitar a XXI Exposición Micolóxica no primeiro andar do Pazo de San Marcos

A XXI Exposición Micolóxica foi inaugurada esta mañá no primeiro andar do Pazo de San Marcos, acto no que participou o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.

A mostra de cogomelos, que organiza a Asociación Micolóxica Lucus, é de entrada libre e gratuíta e as persoas interesadas poden visitala en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas.

“A Deputación, que é a casa común de todos os veciños e veciñas da provincia, está sempre aberta a colaborar coas iniciativas que favorecen a cultura ou o coñecemento do noso patrimonio”, explicou Miguel Fernández, que loou o “bo facer de rigor e amenidade” dos organizadores, facilitando “o coñecemento do rico patrimonio medioambiental da nosa provincia”.

Os cogomelos, subliñou o deputado, “son un elemento fundamental da diversidade biolóxica dos nosos bosques. En torno a eles pódense organizar rutas, ou mesmo concursos fotográficos. E por suposto, as especies comestibles teñen un papel fundamental na gastronomía, tanto nas elaboracións tradicionais como nas propostas máis vangardistas dos novos cociñeiros”.

Nunha provincia coma a de Lugo, con máis do 80% da superficie recoñecida como reserva da Biosfera, Fernández subliñou que “o traballo de colectivos como a Asociación Micolóxica Lucus é fundamental para preservar, divulgar e poñer en valor as potencialidades do noso territorio e do noso patrimonio cultural. E nese esforzo, a Deputación vai sempre colaborar con calquera iniciativa que, coma esta, supoña un exemplo de traballo polo noso medio ambiente”.

A institución provincial colabora con esta mostra, que contará con diferentes exemplares de cogomelos en mesas expositivas, cunha achega de preto de 4.000 euros. Cada especie acompáñase dunha ficha con toda a información de interese sobre a mesma, con datos como o nome científico, se é ou non comestible, ou o hábitat de aparición.

Ademais a exposición tamén contará con fotografías, paneis informativos sobre os hábitats micolóxicos e unha presentación audiovisual sobre micoloxía. Á entrada, os visitantes recibirán un díptico sobre a exposición e diversos consellos para a correcta recollida de cogomelos.