Skip to main content
Lugo

O Concello entregará a partir do mércores os intrumentos do banco da Escola de Música

Por 6 Novembro, 2023Sin comentarios

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e o Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, realizaron unha visita ás instalacións da Escola Municipal de Música onde, xunto co persoal, comprobaron os instrumentos que forman parte do fondo do Banco de Instrumentos da ESMU. “O Banco de Instrumentos permite que as familias con maiores necesidades económicas, que non poden facer fronte á inversión que require un instrumento musical, poidan facilitar a iniciación das súas fillas e fillos á música”, indicou Maite Ferreiro.

A Escola Municipal de Música comezará este mércores a entregar ás familias os instrumentos, cun fondo formado por 2 saxos, 2 trompetas, 2 trompas, 1 trombón e 1 bombardino. A concelleira de Cultura explicou que “o fondo poderá ser ampliado no futuro, tanto mediante adquisición de instrumentos por parte do Concello como con doazóns”.

Sobre o material doado, Ferreiro indicou que “sempre que se ceda material para a Escola, converterase en material de préstamo a non ser que o estado ou o interese do instrumento o fagan máis apto para a súa exposición ou conservación”.

Os préstamos durarán como máximo un ano e cada estudante só pode optar a un instrumento. Para a súa adxudicación, tívose en conta a renda familiar e, ademais, o prazo de solicitude poderá abrirse varias veces cada ano, segundo as necesidades das estudantes da escola.