Skip to main content
Lugo

O Plan Xeral entra en vigor este sábado logo de dez anos de tramitación

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

O PXOM quedaba inscrito no Rexistro Xeral de Planeamento o pasado venres despois de que o Concello remitise á Xunta a memoria xustificativa que certificaba a subsanación dos condicionantes sinalados polo ente galego para a súa valoración favorable. Remata así a incerteza urbanística que afectaba a 70 núcleos do rural, posibilitando o desenvolvemento de case un millón de m2 de chan urbanizable cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que o 35% serán públicas.

A partir deste sábado, 11 de novembro, o total do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo entrará en vigor, tras un longo e farragoso procedemento de tramitación administrativa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba hoxe a exposición pública do texto no Boletín Oficial da Provincia, “o que permitirá que entre en aplicación dende mañá mesmo”.

“É, por tanto un día histórico para o municipio, que suporá un antes e un despois para o noso crecemento racional e sustentable porque, por fin, permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba máis dunha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”, subliñou a rexedora.

A Xunta procedía o pasado venres a inscribir o PXOM de Lugo no Rexistro Xeral de Planeamento Urbanístico de Galicia, despois de que o Concello lle enviara a memoria xustificativa que acreditaba o cumprimento dos condicionantes sinalados pola Consellería de Medio Ambiente e aos que supeditaba a súa valoración favorable ao texto.

“Finaliza así a ordenación urbanística da totalidade do ámbito territorial de Lugo que non fora obxecto de aprobación en 2011 (un total de 70 núcleos rurais das parroquias de Teixeiro, Mazoi, Santa María de Muxa, San Salvador de Muxa, San Pedro de Muxa, Tirimol, Ombreiro, Vilachá de Mera, Adai, Pedreda, Santa María de Bóveda, Alta, Alto, Piúgos, Esperante, San André de Castro, Coeo, Coeses, Lamas, Mera e Piñeiro) o que permitirá, só no rural, o desenvolvemento de 915.000 m2 de solo urbanizable delimitado e doutros 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurbano cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que un 35% serán públicas”, engadiu Lara Méndez.

A alcaldesa destacou igualmente as posibilidades que abre o PXOM para a transformación de 1.364.000 m2 de solo urbanizable industrial con relación á implantación de actividades económicas.

“Está chamado a ser, por tanto, un revulsivo para o tecido produtivo local que reactivará os sectores vinculados á construción pero que tamén permitirá a moitas empresas asentarse e ampliar as súas instalacións e a moitas familias atopar postos de traballo e un lugar axeitado para establecerse”, incidiu a mandataria.

A aplicación da totalidade do PXOM permitirá, así mesmo, a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en servizos a disposición da comunidade a razón de 412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións; 933.268 m2 de espazos verdes e libres, e  77.753 m2 de viarios para a interconexión do territorio.

“Falamos de xardíns, de parques, de novos puntos de encontro para o ocio, a socialización e a práctica deportiva; de estradas que mellorarán a conectividade e os desprazamentos polo municipio. Infraestruturas que contribuirán a estender as prestación públicas a todos os puntos da localidade, mellorando así a calidade de vida da veciñanza e favorecendo o asentamento poboacional e a creación de novas zonas industriais e de equipamentos”, concluíu Lara Méndez.