Skip to main content
Lugo

Un foro da EPS destaca a innovación produtiva no sector forestal

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

“O sector forestal está presente en moitas das actividades cotiás do noso día a día”, salienta o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro, na apertura dun foro sobre innovación produtiva no sector, no marco do que representantes de empresas e da Administración deron conta este xoves dos múltiples produtos, alén da madeira, e servizos que teñen a súa orixe no monte en un aproveitamento óptimo dos recursos forestais.

As múltiples prestacións que ofrece o sector forestal xa están presentes hoxe en día noutros sectores, tales como o farmacéutico ou o téxtil, ao tempo que a mellora dos procesos de xestión do monte e tamén os progresivos avances na mecanización e demais procedementos tamén permiten á sociedade acceder e beneficiarse de novos produtos axeitados para o seu uso en diversos sectores: construción, industria, química…, que están a diminuír a súa dependencia do petróleo e dos seus derivados, engade o profesor Vila Lameiro.

O subdirector da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Emilio Carral, destacou na sesión de apertura deste foro que os innovadores produtos e servizos que ofrece na actualidade o sector forestal supoñen un recoñecemento explícito ao medio rural, cuxas prácticas tradicionais, lonxe do que se di, non están caracterizadas polo atraso, senón que son o xerme destas innovacións.

Carral tamén aproveitou a celebración deste foro, no que participan como relatores profesionais formados ou con fondas ligazóns coa EPS de Enxeñaría, para remarcar a fonda pegada do centro universitario lugués no que atinxe a transferencia de coñecemento e tamén de solucións innovadoras.

Programa
A directora da área de innovación forestal de XERA, Mecedes Rois Díaz, abriu a palestra de intervencións do programa cunha intervención sobre o cometido que desenvolve ou debe ter a Administración en todo o que atinxe a innovación forestal. Deseguido, o responsable de Desenvolvemento e Innovación Madeira Maciza de Finsa, Jorge Crespo Outes, falou sobre os novos produtos madeireiros que está a desenvolver esta empresa con pino Galicia, tanto de madeira contralaminada (CLT) como termotratada. A directora Xeral de Sinerxías Sustentables Resiforest SLU (Foresin), Érika Martínez Carreira, presentou a resina e o biochar como dous dos resultados innovadores que depara ou cando menos favorece unha xestión forestal sustentable.

A mecanización dos procesos produtivos para a xeración de novas oportunidades centrou a temática da exposición ofrecida pola presidenta de LugoMadera, Mª Carmen Gayoso Montenegro, á que sucedeu no uso da palabra o xerente I+D Celulosa-Ence, José Luis Francisco Fuentes, que abordou as novas aplicacións avanzadas que xa viables a partir da transformación química da madeira.

O responsable de Sustentabilidade de TEXFOR, José David Allo, pechou o programa de relatorios desta xornada, que contou con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, cunha intervención na que tratou as orixes no ámbito forestal do sector téxtil.