Skip to main content
Lugo

O BNG convoca unha xuntanza aberta para falar da supresión de graos na USC

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

O BNG realizará unha xuntanza aberta o vindeiro luns, 13 de novembro, a partir das 19:00 no Centro de Convivencia de Fingoi. O Concello de Lugo e e a Deputación tamén fixeron chegar o seu malestar pola decisión da USC.

O BNG convoca a toda a comunidade universitaria e aos distintos colectivos afectados polo peche de graos na USC a unha xuntanza aberta para, segundo explicou o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo “comezar a traballar para que a USC dea marcha atrás e garanta a oferta no Campus Terra”. Arroxo explicou que a xuntanza será aberta á participación de todas as persoas que o desexen, e chamou aos colectivos de estudantes, profesoras e profesores e persoal do Campus a acudir.

A USC planea eliminar do Campus Terra os graos de Paisaxe, Enxeñaría e Procesos Químicos e Enxeñaría Civil, mentres que os graos de Enxeñaría Agrícola e Forestal pasarían a ser compartidos cos campus de Ourense e Pontevedra, pertencentes á Universidade de Vigo. “Trátase de graos que teñen un gran vínculo co sector agrogandeiro, un sector clave na economía lucense”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a USC ten que ter un peso importante na transferencia de I+D+i a este sector, e isto non se consigue eliminando titulacións”.

Segundo Rubén Arroxo, “a USC continúa a eliminar servizos en Lugo”. O Portavoz do BNG lembrou que a redución de graos súmase ao peche do edificio do vicerreitorado, “un emprazamento privilexiado para a USC, cuxa rehabilitación requiriu dun importante investimento para as distintas administracións implicadas, e que foi relegado só a acoller actividades institucionais despois de ser un punto importante na programación cultural da cidade”.

A DEPUTACIÓN

O anuncio da supresión no Campus de Lugo dos graos de Paisaxe, Enxeñaría Civil e Procesos Químicos, e a conversión en interuniversitarios de Agrícolas e Forestais xerou numerosas declaracións en contra. Así desde a Deputación provincial, o presidente, José Tomé Roca, manifestou que “rexeitamos de plano a redución da oferta académica no Campus de Lugo que leva consigo a reestruturación avanzada pola USC, e defende e reivindica a permanencia dos graos nas súa configuración actual. Ensinanzas que son parte fundamental do propio campus, ligadas á súa mesma creación, progresión e avances, como ligadas tamén ao tecido social e económico da provincia de Lugo, que, sendo eminentemente rural, ten no sector agrogandeiro e forestal un factor imprescindible para seguir avanzando, e por elo debe contar coa formación e a investigación universitarias no propio territorio”.

A Deputación anunciou que valolará seguir mantendo o seu nivel de colaboración coa Universidade de Santiago, que supera amplamente o millón de euros ao ano, “se continúa adiante con decisións adoptadas de forma unilateral, sen ter en conta á institución provincial, cando esta xoga un papel fundamental na vida do Campus dende a súa propia creación. De feito, a de Lugo é a Deputación de toda España que máis recursos económicos achega ás universidades públicas”.

“Rexeitamos que se utilice como xustificación para suprimir graos o número de matrículas, pois, nun ámbito como a educación, hai que priorizar a rendibilidade social, o retorno que ten a oferta académica para a sociedade e para o tecido produtivo en termos de transferencia de coñecemento, de impulso á innovación e ao desenvolvemento, e de xeración de riqueza. Así mesmo, resulta ilóxico que o número de alumnos teña que ser o mesmo en graos con carga máis teórica ca nos que contan cun alto compoñente práctico, nos que un número de alumnos máis reducido contribúe precisamente a unha maior excelencia na formación. De feito, a calidade educativa do Campus queda reflectida no prestixioso Índice de Shanghai, que neste 2023 sitúa, por exemplo, a Veterinaria entre os primeiros 150 postos”, engadiu.

Afirma tamén que, tras 12 anos, é preciso revisar o decreto 222/2011 da Xunta de Galicia que regula o funcionamento dos campus periféricos para adaptalo á situación social e educativa actual.

CONCELLO DE LUGO

O Goberno local ve con preocupación este anuncio. “Nunca é unha boa nova que se reduza a oferta académica e é especialmente preocupante que se trate ademais de ensinanzas que son, precisamente, a esencia deste Campus e que contribúen á súa excelencia”, lamentou Lara Méndez.

A rexedora sumouse tamén ao malestar da comunidade educativa que critica a reestruturación prevista que ameaza á USC en Lugo e agarda que dende a Secretaría Xeral de Universidades se valore a transcendencia que a permanencia destas titulacións ten para o municipio así como a súa vinculación directa co desenvolvemento e a diversificación industrial na que se atopa inmerso e na que o Concello leva exercido un apoio determinante pola posta en valor do sector forestal.

A alcaldesa apunta tamén a necesidade de revisar o regulamento que rexe o funcionamento dos campus periféricos, “xa que en 12 anos a sociedade experimentou un cambio moi profundo e hoxe presenta outras demandas e outras necesidades que deben terse en conta tamén dende o punto de vista normativo, coa finalidade de adaptarse non só a ese contexto social, senón tamén á propia evolución que seguiu o sistema educativo neste tempo e á realidade actual dos propios Campus”.

Así mesmo, Lara Méndez, instou a todas as partes a buscar, dende o consenso, alternativas que garantan a continuidade destes ciclos a través doutras fórmulas como pode ser a fusión de titulacións.