Skip to main content
Lugo

Comeza en Lugo o programa Outono Xove, con estadías de fin de semana para a mocidade

Por 11 Novembro, 2023Sin comentarios

Consellería de Política Social e Xuventude puxo en marcha a terceira edición do Outono xove, que oferta actividades formativas e de lecer para a mocidade galega durante as fins de semana ata o 10 de decembro en oito albergues xuvenís galegos, catro deles na provincia de Lugo.

O programa suma 900 prazas en 45 quendas divididas en dous grupos de idade, para participantes de entre 14 e 17 anos e para os que teñan entre 18 e 30. Inclúe aloxamento as noites do venres e do sábado e manutención ata o almorzo do domingo, ademais de dispoñer do persoal técnico e o material preciso para o desenvolvemento das actividades. O prezo é de 25 euros, pero por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove aplicarase un desconto do 25%, co que se reduce a 18,75 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o albergue xuvenil Lug II, no municipio de Lugo, que  acolle aos usuarios de entre 14 e 17 anos inscritos para esta quenda na proposta ‘Lugo Tech’, centrada en actividades de realidade virtual, impresión 3D, estampado en tea, laboratorio de podcast, lasertag ou raid.

Arias explicou que o Outono xove tamén se pode desfrutar nos albergues xuvenís de Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo) e Benigno Quiroga (Portomarín), así como no de Sada (A Coruña), a Residencia de Tempo libre do Carballiño (Ourense), e en Forcarei e As Sinas (Vilanova de Arousa), na provincia de Pontevedra.

Propostas de Lugo

A iniciativa Desconectados, do albergue xuvenil de Area, inclúe un roteiro con interpretación histórico- ambiental do souto da retorta, deporte na praia con material de paddle surf ou un obradoiro de pintura.

No corazón da Mariña desenvólvese na Devesa e ofrece espeleoturismo na Cova do Rei Cintolo, roteiro de interpretación ambiental pola contorna en Mondoñedo, visita a San Cibrao e ao Museo do Mar ou fotoxeolocalización na Praia das Catedrais.

Por último Aventúrate en Portomarín consiste en facer un roteiro en bicicleta con visita ás vilas cubertas polo encoro, iniciación ao baile tradicional galego, laser tag, actividades de orientación ou obradoiros de estampación e cianotipia, entre outros.

O delegado territorial lembrou que aínda quedan catro fins de semana para poder asistir a calquera dos campamentos; os participantes serán admitidos por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles.