Skip to main content
Lugo

A cruz de buscar aparcadoiro

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

Barrios de Lugo acumulan queixas pola falta de espazo nas rúas mentres se intenta concienciar sobre un menor uso do coche.

O aparcamento na cidade de Lugo segue a ser unha cruz para moitos veciños e veciñas, en especial os residentes en barrios populosos como A Milagrosa, Fontiñas, parque Rosalía de Castro ou avenida da Coruña. Esas zonas son os puntos negros actualmente porque non hai prazas suficientes para a demanda, condicionada tamén polos horarios e polos servizos que se ofrecen na contorna.

A alternativa, o aparcadoiro privado de pago, non parece a opción desexada, xa que os veciños non valoran esta alternativa. Ademais, tampouco existe actualmente unha cobertura neste campo xa que só o centro da cidade, onde xa practicamente non quedan lugares de aparcadoiro gratuíto, ten este servizo de forma completa. Hai moitos barrios onde aínda así non hai ocos libres en horarios de oficina, de pago ou non.

O REGRESO DA ORA

Esta situación acrecentouse pola eliminación do servizo de ORA en zonas de especial concentración de coches, como no parque, onde conflúen varios centros escolares e os xulgados, ademais doutros servizos.

A falta de espazos é difícil de solucionar por parte das autoridades, as alternativas que se propoñen pasan por aparcadoiros disuasorios, en zonas como a avenida Breogán ou o Pazo dos Deportes. Poden funcionar para momentos puntuais, como as festas, pero non son unha alternativa desexada pola veciñanza.

Son moitas as voces que claman polo regreso da ORA ou por facer aparcadoiros nestas zonas conflitivas. En Fontiñas existe un proxecto do PP para facer un aparcadoiro público e poder así cubrir a importante demanda existente, un proxecto que está no tinteiro aínda.

MALOS HÁBITOS

Pero mentres as protestas e as demandas de solucións teñen lugar, cobra relevancia a cuestión dos malos hábitos dos lugueses no uso do coche. Malia a insistencia de organismos e administracións, en Lugo o coche “úsase para todo”, incluso para pequenos desprazamentos e cando falta un lugar onde deixar o coche estacionado, óptase por malos costumes. Así, son miles as queixas de persoas con problemas de mobilidade que ven como as súas prazas son ocupadas continuamente; ademais do uso indiscriminado das zonas de carga e descarga, as paradas de bus ou os cruces e as beirarrúas, sen importar o prexuízo que isto poda causar. Ademais, en moitas desas ocasións, existen ocos libres nas rúas próximas.

A situación máis destacada prodúcese á hora da entrada dos pequenos nos colexios. Pais e nais, en especial se chove, acoden cada un co seu coche á entrada do centro, polo que se forman continuos atascos, aparcando en cruces, dobre fila ou onde se atopa un oco, unha medida que non sempre se penaliza.

Entre as ironías dos malos hábitos está a contorna do HULA. O Concello vén de abrir un novo aparcadoiro gratuíto, que se mantén baleiro mentres os coches seguen a estacionar pola estrada de acceso invadindo a calzada.

OS APARCADOIROS DISUASORIOS

A avenida Breogán foi un dos lugares escollidos para a construción dun aparcadoiro disuasorio, que agora mesmo está en obra. Terá 5.700 metros cadrados e ofrecerá 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida. A intención é unir este co centro da cidade con servizo de bus, unha opción que non convence a moitos veciños.

▶Para Fernando Buján atopar onde deixar o seu coche volveuse misión case imposible dende hai tempo. “Na zona da Residencia, tamén debido ao carril bici que quitou moitas prazas, é practicamente imposible aparcar se non tes garaxe. Acabas dando un montón de voltas no mellor dos casos ou deixando o coche bastante lonxe”. Pero as opcións cando vaia ao seu posto de traballo, que está na Avenida da Coruña, tampouco son moito mellores. “Opto por deixalo na rúa Río Narla ou na Milagrosa se hai sorte, especialmente polas tardes. Ás mañás é moito máis difícil, sobre todo a primeira hora, ás 9.00, que é cando entran os nenos nos colexios e é unha loucura o volume de tráfico”.

▶ Estacionar en pleno centro da cidade tampouco resulta sinxelo, como así o confirma o testemuño de Pilar Díaz, veciña do barrio de Albeiros. “Eu vou traballar todos os días ao centro, á rúa Armañá, e o problema é terrible, porque Bolaño Ribadeneira, Praza Ferrol e Quiroga Ballesteros están todas levantadas e o carril bici tampouco che deixa sitio”. Moitas veces, Pilar opta por deixar o coche na rúa Monforte e percorrer a distancia a pé. “Como é pouco tempo de traballo e vou a primeira hora, ás veces se chego un pouco máis tarde, queda en carga e descarga. Se vas despois xa tes que dar voltas e voltas, pero é que pola zona dos xulgados é o mesmo. E claro están os aparcadoiros subterráneos nos que o podes deixar un día, pero se o fas sempre o que ganas gastalo ”.

▶ Isabel Fernández, que vive e traballa no barrio da Milagrosa, tamén confirma a falta de prazas cada vez que se ten que achegar a realizar calquera tipo de trámite. “Cada vez que teño que ir á Seguridade Social é imposible levar o coche, perdes moito tempo. Moitas veces teño que cruzar a ronda das Fontiñas e acabo aparcando onde a comisaría da Policía Local porque perdes a paciencia”. Un problema que notan especialmente aqueles que coma ela teñen un horario pouco flexible. “Eu son autónoma e teño un negocio polo que ás veces dependes de que alguén te acerque e espere por ti, porque senón é que non das chegado a abrir á hora a que o tes que facer”.

▶ As dificultades tamén son comúns para os que non viven na cidade e non teñen máis opción que usar o coche. É o caso de Santiago Vázquez, veciño de Friol. “Cando teño que vir a Lugo a facer algún tipo de compra, moitas veces é que nin se me pasa pola cabeza ir ao centro só polo difícil que vai a ser encontrar sitio, sobre todo en horas de moito tráfico e tras a peonalización das rúas”. A falta de alternativas e os aparcadoiros municipais, que resultan insuficientes en determinadas momentos do día, provocan que moitos condutores cambien de plan. “Ao final só tes dúas opcións: pagar por deixalo nun párking ou irte ás Termas para non ter problemas de aparcadoiro e aforrar tempo”.

Para os que non viven na cidade e non poden empregar o transporte público a solución máis rápida acaba sendo pagar por estacionar. “Eu cando veño normalmente meto o coche nun aparcadoiro privado porque polas mañás nunca encontras sitio no centro, pero é que na zona da Milagrosa pasa o mesmo”, recoñece Paula Álvarez. Aínda que asegura que as posibilidades son maiores na cidade fronte a outras urbes, atopar onde deixar o coche continúa sendo unha materia pendente. “Si que é certo que penso que tes máis opcións se comparas o que acontece aquí con sitios coma Santiago, pero aínda así cánsome de dar voltas para acabar parando un momento onde o bus, así que ao final prefiro pagar”

▶ A perda de tempo que implica encontrar un sitio preto do seu posto de traballo leva a algúns lucenses a ter que alugar unha praza. Así o confirma Cristina Braña, que traballa nunha oficina na Ronda da Muralla. “Eu deixo o coche no aparcadoiro de Camiño Real desde o 2011 porque xa daquela, cando levaba o neno á gardaría, era difícil encontrar sitio e sempre acababa no aparcadoiro”. A zona azul, que naquel momento aínda estaba en funcionamento, tampouco lle facilitaba a situación. “Co servizo ORA tiñas limitado un tempo máximo de dúas horas e despois debías sacar o coche, pero eu non podía saír do traballo para cambialo de sitio, así que decidín coller a praza”.