Skip to main content
Lugo

As traballadoras da limpeza reciben unha nova proposta da patronal

Por 11 Novembro, 2023Novembro 12th, 2023Sin comentarios

Retómanse as negociacións do convenio logo de  26 días de folga. A oferta será analizada o luns pola asemblea de traballadoras.

Catro meses despois da última proposta presentada pola parte social e despois de 26 días de folga, a patronal da limpeza volvía sentar este venres na mesa de negociación. “Logo de darlle moitas voltas e de lanzar acusacións inxustas contra as traballadoras pola loita exemplar que están a desenvolver, ASPEL movíase un mínimo nas súas posicións e trasladaba unha nova proposta á parte social2, anunciou a CIG na xornada de onte.

O próximo luns, ás 11:30h, está convocada unha asemblea para informar da reunión coa patronal e explicar polo miúdo o contido da proposta e que sexan as propias traballadoras quen valoren se a consideran suficiente ou non, e se supón un paso para seguir negociando. En calquera caso, apuntou Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, a folga continúa adiante e quedou fixada nova reunión da comisión negociadora para o 20 de novembro.

Castiñeira criticou a actitude coa que a patronal estatal iniciou a xuntanza xa que, despois de meses de silencio, pretendía acusar de vandalismo as traballadoras “cando o que están facendo é pelexar por uns salarios dignos fronte á miseria e á pobreza que ofertan unhas empresas que obteñen beneficios millonarios, precisamente a conta de explotar a estas compañeiras”.

De feito, a representante de Eulen queixouse pola ocupación que o persoal fixo das oficinas de Lugo o pasado 27 de outubro para exixir o desbloqueo da negociación colectiva. “Esa acción de protesta parécelles maltrato, pero o que a patronal leva facendo meses coas traballadoras, negándolles un convenio digno e obrigándoas a estar na rúa dende hai 26 días para conseguir unhas condicións xustas, iso non lles parece maltrato”, denuncia Castiñeira.

Á espera do que valore o sector na asemblea do próximo luns, a representante incidiu en que é a patronal quen ten que mover as súas posicións porque a plataforma social “non ten marxe de manobra e non imos rebaixar as nosas demandas”.