Skip to main content
Lugo

Entregados en Lugo os premios Galicia de Enerxía a tres empresas da provincia

Por 11 Novembro, 2023Sin comentarios

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG), entregou os Premios Galicia de Enerxía 2023 no transcurso dun acto celebrado no MIHL, no que participaron máis de 150 persoas. A gala estivo presidida polo decano do ICOIIG, Francisco Pérez Rivas, e a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana. Uns premios que recoñecen as mellores actuacións relacionadas coa enerxía, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables realizadas en Galicia ou por empresas/profesionais galegos durante o ano 2022.

Os proxectos distinguidos este ano foron os presentados por Aringal, Magnesitas de Rubián e Norvento, cuxos representantes incidiron na importancia de apostar polo aforro e a eficiencia enerxética. Ademais, recoñeceuse a traxectoria profesional do enxeñeiro industrial Alberto Suárez Fontenla, delegado en Galicia de Naturgy, e do xornalista Mario Beramendi, pola súa contribución para achegar o mundo da enerxía á sociedade desde La Voz de Galicia. Finalmente, entregouse un recoñecemento ao labor divulgador da Agrupación industrial Galega Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec).

O decano do ICOIIG, Francisco Pérez Rivas, destacou que “atopámonos aquí para celebrar a décima edición dos Premios Galicia de Enerxía, que consideramos que se converteron xa nun referente no ámbito da nosa comunidade autónoma e que esperamos consolidar aínda máis ao longo dos próximos anos. Dez edicións que son un testemuño da constante procura da excelencia e a innovación por parte dos Enxeñeiros Industriais”.

Neste sentido, Pérez Rivas destacou a capacidade dos enxeñeiros industriais á hora de “promover o desenvolvemento industrial sostible e a compatibilidade das industrias coa conservación do medio ambiente. E subliño a palabra Enxeñeiro Industrial para evitar a confusión con outros colectivos, tan valiosos como o noso pero diferentes en canto ás súas capacidades técnicas”. Finalmente, Francisco Pérez expresou “o meu máis sincero recoñecemento aos premiados” xa que “as vosas contribucións son exemplos brillantes da excelencia no ámbito enerxético”.

Transformación enerxética galega

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, agradeceu tanto ao ICOIIG como á AIIG a súa iniciativa para “visibilizar a transformación enerxética galega e por divulgar a cultura da eficiencia enerxética”. O decano do ICOIIG aproveitou para agradecer o apoio da Xunta a estes premios e reiterar que “os enxeñeiros industriais estamos ao dispor das institucións, porque cremos na importancia de colaborar para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico da nosa sociedade. Somos 1.500 profesionais de alto valor que contribúen día a día a iluminar o mundo a través da enxeñería industrial”.

No que respecta a a entrega de premios, Eduardo Jiménez Aguirre, director xeral de Magnesitas de Rubián, recolleu o Premio ao mellor proxecto de enerxías renovables de mans de José Luís Valado Viéitez, vogal da AIIG pola provincia de Lugo. Esta empresa afincada no Incio foi distinguida polo Proxecto Magnergy Plus, co que conseguiu mellorar a eficiencia enerxética da planta e a mina, á vez que instalou plantas de enerxías renovables (biomasa e fotovoltaica) e realizou unha xestión eficiente do MIX enerxético de combustibles.

Unhas actuacións que se realizaron coa implantación dun sistema de xestión da enerxía de acordo á ISO 50001, que foi certificado en xaneiro de 2023. Magnesitas de Rubián é unha empresa con sede no Incio que a implantación dun sistema de xestión da enerxía de acordo á ISO 50001, que foi certificado en xaneiro de 2023.

Minutos despois, Juan Leira González, administrador de Aringal, recibía o Premio ao mellor proxecto de eficiencia enerxética de mans de Javier Bouza Fernández, delegado en Ferrol do ICOIIG. Esta empresa con sede en Ferrol foi galardoada por dous proxectos de edificación executados na cidade de Lugo: o Hotel Santo Domingo, con 4 estrelas e 45 habitacións; e o Residencial Seminario, un edificio de 59 vivendas e 2 locais comerciais. Ambos son inmobles energéticamente eficientes, que incorporan materiais sostibles e as últimas tecnoloxías de produción de auga quente sanitaria (ACS), calefacción, renovación do aire…

Dúas edificacións desenvolvidas baixo o certificado BREEAM, o que implica beneficios para a saúde dos inquilinos (grazas a medidas como a calidade do aire, vistas ao exterior ou a redución dos niveis de iluminación e ruído, que fan do inmoble un lugar máis confortable, seguro e saudable para o usuario) pero tamén para o aforro (xa que o consumo enerxético é un 50-70% menor, o consumo de auga é ata un 40% menor e a redución de gastos de funcionamento e mantemento oscila entre un 7-8%). Ademais, ao reducir o consumo enerxético, tamén se minimizan as emisións de CO2 durante a vida útil do edificio.

En terceiro lugar, Martín Pardo Loureiro, product manager BESS de Norvento, recibio o Premio ao Mellor proxecto enerxético que mellora a vida dos cidadáns, entregado por Silvia Colmenero Guzmán, delegada en Lugo do ICOIIG. Un premio ao proxecto “Microrredes illadas no Caribe”, que resolve as dificultades de acceso á enerxía eléctrica nos países caribeños.

Para iso, Norvento incorporou as últimas innovacións desenvolvidas nas súas instalacións en Lugo e Villalba como son os convertidores electrónicos de potencia e os sistemas contenerizados para almacenamento de enerxía, así como unha plataforma de vixilancia baseada en web para facilitar o acceso remoto ao sistema.

Outras distincións

Finalmente, o director de Investimentos de Ecoener, Luciano Eiroa, fixo entrega do Premio Ecoener ao mellor proxecto de comunicación ao xornalista Mario Beramendi pola súa contribución para achegar o mundo da enerxía á sociedade. Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago, Beramendi conta cun Máster de Comunicación na Universidade da Coruña. A súa traxectoria profesional desenvolveuse durante case 25 anos en La Voz de Galicia, como profesional especializado en economía e política.

O director de produción do complexo industrial de Repsol na Coruña, Marcos Diéguez, encargouse da entrega do Premio Repsol pola súa traxectoria no mundo enerxético a Alberto Suárez Fontenla, delegado en Galicia de Naturgy. Enxeñeiro Industrial pola Universidade da Coruña, Suárez Fontenla desenvolveu a súa carreira profesional no Grupo Naturgy desde o ano 2002, desenvolvendo diferentes responsabilidades nas unidades de Mantemento e Desenvolvemento de rede en Galicia. Posteriormente foi delegado territorial de UFD nas provincias da Coruña, Ourense e Lugo, así como responsable da unidade de Xestión e Control en Galicia e Castela e León. Responsable de Operación do Sistema, en abril de 2023 foi nomeado delegado de Naturgy en Galicia.

Finalmente, Severiano Ónega Ares, vicepresidente da Agrupación industrial Galega Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), recibiu de mans do vicedecano do ICOIIG, Manuel Colmenero Guzmán, o Premio de difusión de solucións ambientais que reducen o consumo enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro. Unha agrupación industrial creada en 2020 e que conta na actualidade con 70 entidades asociadas que xeran máis de 2.000 millóns de euros de cifra de negocio.

Viratec é unha asociación sen ánimo de lucro que nace coa misión de incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais. Entre os seus obxectivos figuran impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación. Por iso, centra o seu traballo en xerar alianzas público-privadas que desenvolvan proxectos innovadores centrados en lograr unha economía sostible, descarbonizada, eficiente no uso dos recursos e competitiva.