Skip to main content
Lugo

O PP reclama unha unión das administracións para crear a marca ‘Lugo, cidade universitaria’

Por 12 Novembro, 2023Sin comentarios

O Partido Popular sumouse ás manifestacións realizadas da posible supresión de graos no campus de Lugo. Afirman que o estudo do plan de titulacións supón unha nova oportunidade para potenciar o Campus de Lugo e “para que se converta nun revulsivo da cidade”. É por isto que os populares ofrecen toda a colaboración para conseguir que as diferentes administracións traballen da man en beneficio da cidade. “O Concello de Lugo debe liderar un plan encamiñado a facer da cidade un referente das cidades universitarias”, din.

Consideran que é preciso tomar medidas encamiñadas a captar alumnado en todos os niveis, grao, máster e doutoramento e buscar sinerxias con outras ofertas educativas, como pode ser a Formación Profesional, de forma que a educación constitúa un motor para a cidade.

“Facer de Lugo unha Cidade Universitaria, cunha ampla dotación de servizos é fundamental para atraer a novos estudantes e conseguir que as novas xeracións opten por Lugo para desenvolver os seus estudos e iniciar o seu proxecto de vida”, afirman.

Explican que o Campus de Lugo é un referente en moitos aspectos, o corpo de investigadores do Campus Terra acadou no ano 2021 a acreditación de campus de especialización, proxectos como Xuvenciencia ou os numerosos estudos que se están a desenvolver con éxito poñen en valor unha institución que debe ser o semente para impulsar a Lugo como Cidade Universitaria. “É por isto que se fai precisa a colaboración das diferentes administración e a Universidade, de forma que se poña en valor o alto nivel formativo que se imparte e se potencien as fortalezas das que dispón o campus”, engaden.

O Partido Popular quere amosar o seu apoio para este proxecto ao tempo que demanda “ambición á hora de afrontar este período de facendo do Campus de Lugo un revulsivo económico e social da cidade”.