Skip to main content
Lugo

O Arde Lvcvs do 2024 celebrarase do 13 ao 16 de xuño

Por 12 Novembro, 2023Sin comentarios

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, realizou o anuncio onte durante o transcurso da IX cena de confraternización que mantén cos colectivos.

A XXIII edición do Arde Lvcvs celebrarase do 13 ao 16 de xuño do vindeiro ano. Así llo comunicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, ás dezanove asociacións que fan posible esta festa de recreación histórica, durante o transcurso da IX cena de confraternización que mantén cos colectivos e na que estivo acompañado polo edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e por Ana Abelleira, responsable de Cohesión Social.

Bustos agradeceu novamente ás asociacións romanas e castrexas que forman parte da organización do Arde Lvcvs “o traballo que realizan durante todo o ano, o seu esforzo e dedicación para recrear con fidelidade as nosas orixes, convertendo esta celebración nunha cita única en España”. O edil lembrou que “xuntamente co Concello, conseguimos este ano o ansiado recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, motivo polo cal queremos renderlles unha merecida homenaxe distinguíndoas coas Medallas de Ouro da cidade”.

A entrega deste recoñecemento, a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía, terá lugar nunha cerimonia que se desenvolverá o próximo 30 de novembro, no MIHL. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, propuxo á Corporación Municipal outorgar as Medallas de Ouro deste 2023 ás 19 asociacións de recreación histórica da cidade pola súa contribución decisiva para que o Arde Lvcvs fose declarado como Festa de Interese Turístico Internacional.

Pola súa banda, a rexedora subliñou o alcance social, turístico e económico que xeran estes festexos e explicou que “un dos motivos polo cal anunciamos as datas de maneira temperá é coa finalidade de permitir que o tecido asociativo, os veciños e veciñas, así como a hostalería e o comercio local poidan prepararse e traballar con previsión, planificando eses días”.

Así mesmo, convidou a todas as persoas doutras cidades e vilas a gozar cos e coas lucenses da transformación que experimenta o municipio que, con fidelidade, “retrocede no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional á cita luguesa no mes de marzo, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

O que comezou en 2002 como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan absolutamente singular. Así, no ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Unha vez transcorrido o prazo mínimo de 5 anos como Festa de Interese Turístico Nacional requirido para poder solicitar o seu recoñecemento internacional, o executivo de Lara Méndez iniciou os trámites que concluíron o pasado mes de marzo coa obtención da mencionada distinción.

Precisamente polo grado de implicación da cidadanía o Arde Lvcvs foi incrementando o seu éxito da man da aposta decidida que fixo o Concello para recuperar o pasado romano-castrexo da cidade tratando de mantelo vivo cunha recreación fidedigna pero, sobre todo, participativa e lúdica, exportando a imaxe máis positiva e cordial do municipio e dos e das lucenses.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n’Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.

O Concello entregará as Medallas de Ouro 2023 ás 19 asociacións do Arde Lvcvs