Skip to main content
Lugo

Xisco Feijoó despide o seu proxecto ‘Peixe’ cun concerto en Lugo

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

Xisco Feijoó soterra Peixe este outono. O cantareiro, instrumentista e bailador despídese da actual xira de presentación do seu primeiro proxecto en solitario por todo o alto. Farao con dous derradeiros directos que terán lugar en Lugo e Vigo os días 29 de novembro e 1 de decembro, respectivamente, e nos que o artista se acompañará tanto da súa banda como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras d’O Fiadeiro ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas.

Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará con novas cores e sonoridades. As entradas para estas actuacións, ou “metamorfose do Peixe”, como sinala o artista, xa están á venda na platataforma enterticket.es (Lugo) e ataquilla.com (Vigo).

Xisco Feijoó lanzou Peixe no mes de xullo de 2021. Desde entón o artista, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000 ofreceu case medio cento de actuacións en localidades das catro provincias galegas, ademais doutros municipios da península, como Madrid, Bilbao, Valencia, Segovia e Plasencia; ou mesmo de Europa, na que temas como Animal ou Caracoles soaron en Xenebra, Munich, Hamburgo, Frankfurt e Varsovia.

Agora, Xisco Feijoó regresa a dúas das cidades galegas que acolleron a presentación de Peixe. Volve para despedir, dun xeito único, un proxecto que marcou todo un fito na súa carreira artística: logo de máis de trinta anos de incesante labor de recuperación etnográfica, nos que recolleu e deu vida a numerosas melodías e ritmos tradicionais, e de colaboracións en numerosos proxectos do país; o artista publicou un traballo discográfico no que ofreceu unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. Dous anos despois, o creador dá a despedida “a un ilusionante proxecto que naceu no cerne da pandemia e que agora tomará novas formas, como parte desa metamorfose que todas e todos os artistas experimentamos grazas ás experiencias vividas”.

Así, este outono Xisco Feijoó di adeus a Peixe tal e como lle deu a benvida: acompañado dun bo feixe de músicas do país e colaboradoras doutros recunchos do mundo. En primeiro lugar, contará cunha numerosa banda conformada por Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa. En segundo, en cada un dos concertos haberá colaboracións especiais de instrumentistas, cantareiras, bailadores e pandeireteiras.

Así, a primeira das citas chegará o mércores 29 de novembro. Será no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xisco Feijoó acompañarase, a partir das 20.30 horas, tanto da súa banda coma de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Vilares (voz), Xabi Iglesias (baile) e as pandeireteiras de Cántigas e Frores.