Skip to main content
Lugo

Os mestres están chamados a unha concentración este martes diante do edificio da Xunta en Lugo

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

Seguindo coas accións programadas este mes de novembro de loita “pola recuperación dos dereitos docentes e pola mellora do ensino público galego”, e despois do éxito das accións de protesta realizadas nos centros educativos baixo o lema #oprofesoradononsevende o xoves e venres pasado, os sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF convocan a todo o profesorado a seguir esixindo a rectificación da Consellaría e que abra novas negociacións para unha baixada real das ratios en todas as etapas educativas desde o vindeiro curso.

Tamén demandan a recuperación do horario lectivo “recurtado polos gobernos de Feijóo e Rajoy, que xa teñen todas as comunidades autónomas menos Galicia e Madrid”. Así mesmo, tamén se esixe un plan de eliminación “da burocracia inútil que lastra a función docente cun incremento na dedicación horaria para as direccións, coordinacións, xefaturas de departamento e titorías e a dotación de maior persoal administrativo nos centros e un acordo retributivo que non discrimine o profesorado polo cargo que ocupe ou a súa antigüidade, como si o fai o asinado pola Xunta cunha minoría sindical que non representa nin o 40% do persoal docente galego”.

Haberá concentracións simultáneas en ás 19 horas mañá, martes 14 de novembro de 2023, e que serán a antesala doutra gran mobilización, neste caso unha manifestación nacional en Compostela ás 12 o vindeiro domingo, 19 de novembro, na que está chamada a participar toda a comunidade educativa: anpas, familias e alumnado, en defensa do ensino público.

En Lugo a concentración será diante do edificio da Xunta.