Skip to main content
Lugo

Abre o crowdfunding Troia-Mentoring, para fomar na USC a pesoas con discapacidade

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

O proxecto impulsado pola catedrática da USC Ángeles López Cabarcos xunto coa Asociación Síndrome de Down contempla 30 horas de formación presencial e estadías en prácticas en empresas e ou institucións para as persoas beneficiarias do programa.

A USC, a través da súa Aula TIC-Pemes, impulsa a formación en habilidades empresariais de persoas con discapacidade e síndrome en Down ao abeiro do programa Troia-Mentoring, unha nova iniciativa de capacitación e inclusión social promovida pola catedrática da área de Organización de Empresas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, Ángeles López Cabarcos, quen apela a colaboración solidaria de empresas e entidades para que contribúan con doazóns ao financiamento da formación que recibirán as persoas con discapacidade ou síndrome de Down beneficiarias deste proxecto, no marco do que tamén se contempla que o alumnado poida poñer en práctica os coñecementos adquiridos a través da realización de estadías en prácticas durante unhas 100 horas (algo máis dun mes) en empresas e ou entidades.

A presentación Troia-Mentoring, unha iniciativa que dá continuidade a outros programas de éxito xa desenvolvidos neste eido, tal e como o foron os proxectos Edison e Troia, impulsados tamén desde a Aula TIC-Pemes da USC, coincide coa apertura dunha cuestación ou crowdfunding orientado a empresas solidarias que estean interesadas en participar na mellora da capacitación de persoas con discapacidade e síndrome de Down en habilidades empresarias e, de ser o caso, abrirlles as portas a unha inserción laboral de calidade.

Un dos principais obxectivos que persegue o proxecto Troia-Mentoring é que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de converterse nun ámbito onde este colectivo poida exercer o seu dereito a empregarse en calquera novo posto de traballo xerado, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras, sinala a profesora López Cabarcos. “O noso propósito pasa por achegar as empresas a este tipo de alumnado para favorecer, na medida do posible, o seu acceso a postos de traballo de calidade”, engade.

A responsable desta iniciativa de marcado carácter social explicou asemade que a actividade propiamente formativa deste programa comezará ao longo do mes de febreiro de 2024 na Facultade de ADE, onde as persoas previamente seleccionadas completarán un total de3 0 horas de formación impartidas por docentes da USC. O alumnado contará asemade durante este proceso formativo coa axuda e o acompañamento de estudantado voluntario do Campus de Lugo, seleccionado a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

A metodoloxía da docencia impartida neste programa será integramente inclusiva e terá unha orientación didáctica acorde ás necesidades do alumnado. Ademais, unha vez completadas as actividades propostas ao abeiro do proxecto Troia-Mentoring, as persoas que as superen recibirán un título de aproveitamento acreditado por la USC.