Skip to main content
Lugo

A Xunta facilita formación e contrato en Lugo a 20 galegos retornados da emigración

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

Unha vintena de emigrantes ou descendentes de galegos na emigración están participando en Lugo nunha das accións do programa da Xunta Retorna Cualifica Emprego, que lles procurará formación e un contrato de traballo indefinido no sector da hostalería.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou aos participantes no curso, que xestiona Nortempo e que se desenvolve nas instalacións da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL); deu comezo a primeira semana de novembro, ten unha duración de 50 horas e a previsión é que se poidan incorporar ao mercado laboral este mesmo mes.

Arias avanzou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade manterá este programa no 2024 para atraer talento galego do exterior e cubrir vacantes nas empresas. A iniciativa inclúe unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade.

O Goberno galego ponse en contacto con persoas que queren regresar a Galicia cun contrato estable, conectando perfís profesionais de distintas cualificacións cos sectores produtivos con máis vacantes. Na xestión do programa tamén participa a Fundación Venancio Salcines.