Skip to main content
Lugo

Auxilia levará a cabo as VII Xornadas Lucenses de Accesibilidade ao Patrimonio

Por 22 Novembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, recibiu este martes na praza de San Marcos diante da Deputación aos participantes das VII Xornadas Lucenses de Accesibilidade ao Patrimonio, que organiza Auxilia Lugo. Pablo Rivera saudou ás persoas implicadas e felicitou a Auxilia pola organización da iniciativa, que arrancou cunha visita guiada polos atractivos turísticos accesibles como a Muralla, a catedral ou a Domus.

O paseo foi conducido polo lucense Guido Guía, guía oficial de turismo de Galicia, que abordou durante o percorrido os avances que se levaron a cabo ata a actualidade, pero tamén as melloras pendentes e posibles solucións para acadalos.

A Deputación colabora con Auxilia Lugo co obxectivo de acadar a igualdade de oportunidades e mellorar a calidade de vida das persoas con mobilidade reducida. A institución provincial achega 5.000 euros ao colectivo social para desenvolver un programa de mellora da autonomía persoal no domicilio de persoas con discapacidade ofrecendo atención, asesoramento e formación individualizada a persoas con diversidade funcional física grave e severa, cun alto grado de dependencia, e con escasos recursos económicos das comarcas de Lugo e Sarria. Nestas visitas ofrécelles información das axudas, recursos e produtos de adaptacións específicos á súa situación para eliminar barreiras e que así acaden unha vida máis autónoma, plena e independente retardando un posible ingreso nun servizo residencial.