Skip to main content
Lugo

Rueda comprométese con Méndez en continuar coas infraestruturas pendentes en Lugo

Por 23 Novembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuníronse onte na sede da Xunta. O mandatario galego reafirmou nesta sesión o seu compromiso coa mellora das infraestruturas da cidade de Lugo, no ámbito de competencia autonómica, e solicitou ao Concello colaboración á hora de tramitar proxectos conxuntos.

Rueda cualificou a reunión de “cordial” e considerou positivo que a Administración autonómica e a local poidan sentarse para abordar conxuntamente asuntos de interese para os lucenses como as infraestruturas, a vivenda, a sanidade ou os equipamentos deportivos e culturais.

No ámbito das infraestruturas, o presidente reafirmou o compromiso do Goberno galego coa cidade amurallada, que se reflicte en iniciativas como a estación intermodal ou a rolda leste. Sobre a primeira, precisou que está previsto licitar en cuestións de días a estación de bus, para a que hai reservada unha partida de 5,75 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano, ao mesmo tempo que fixo referencia á achega autonómica de case o 40% dos costes para facer tamén o aparcamento.

“É unha demostración da colaboración das administracións: Adif, Concello de Lugo e Xunta”, salientou Rueda, ao mesmo tempo que puxo o acento na necesidade de “seguir unindo forzas e reivindicando ao Goberno central a necesidade de que, se imos facer unhas instalacións ferroviarias e de transporte por estrada e intermodalidade de primeira categoría, tamén Lugo merece ter unhas conexións ferroviarias que estean á altura, empezando pola chegada da alta velocidade”.

En canto á rolda leste, insistiu en que o compromiso da Xunta é firme, tal e como reflicten os 5 millóns de euros reservados nas contas de 2024, e en que se seguirá buscando o máximo consenso, fundamental para unha infraestrutura tan relevante.

O presidente da Xunta tamén se referiu á boa situación na que se atopa o polígono das Gándaras, “onde a Xunta xa leva adxudicados máis de 322.000 metros cadrados, cun aforro de 12 millóns de euros para os beneficiarios, grazas ás nosas bonificacións do 50%”. Algo que, segundo explicou o titular autonómico “redunda na economía de Lugo e dos concellos do redor”.

Aposta pola vivenda pública

O presidente da Xunta e a alcaldesa coincidiron en que a vivenda é un problema que preocupa especialmente aos galegos e aos lucenses. Conscientes diso, Rueda sinalou que o Executivo autonómico ten en marcha “políticas moi ambiciosas” nesta materia na cidade. Entre outros, citou o investimento de 26 millóns de euros realizado ata agora na recuperación do barrio da Tinería, as 364 vivendas en réxime de alugueiro social, ou as 146 vivendas de promoción pública que se pretenden construír das cales “xa licitamos a redacción e dirección de 76 delas en Garabolos”.

Así, cualificou de boa nova o desbloqueo definitivo, tal e como lle trasladou a alcaldesa, do convenio do Sagrado Corazón con Abanca, “o que nos vai permitir que as vivendas que estaban previstas construír no Castiñeiro se poidan construír na parcela que nos ofreza o Concello en virtude dese convenio e ademais se poderá facer o centro de saúde, do cal mantemos o noso compromiso de construción”.

Ademais, sinalou outros asuntos que “van ben” como os referidos á Casa da Torre e o Pazo de Dona Urraca, dos cales referiu “boas sensacións” de executar ámbalas dúas infraestruturas. “En todo caso, volvín recordarlle á alcaldesa que o Concello ten plenas competencias para exercer a súa propia política de promoción de vivenda pública e que de feito temos aprobados 56 millóns de euros en axudas de promoción de vivenda, incluídas liñas dirixidas aos concellos”, indicou.

No encontro, ambos trataron tamén todo o relacionado co barrio da Residencia, onde, tal e como apuntou Alfonso Rueda, “hoxe mesmo comezou a funcionar o CIS e en pouco tempo o fará a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega”. Así mesmo, indicou que estes servizos, unidos ao aparcadoiro disuasorio que se comezou a construír e a nova oficina de emprego, “déronlle unha segunda vida a ese barrio”.

En canto ao plan Paradai, o presidente da Xunta de Galicia indicou que a alcaldesa lle trasladou que os problemas do Concello coa Confederación Hidrográfica parece que xa se solucionaron, polo que a Xunta vai poder executar finalmente eses 500.000 euros consignados.

Equipamentos culturais e deportivos

O encontro tamén tivo espazo para abordar cuestións sobre os equipamentos culturais e deportivos. Así, o presidente da Xunta instou ao concello a responsabilizarse do auditorio de Lugo, que o concello recibiu en perfecto estado en 2020 e tras un investimento de 24,5 millóns de euros en obras e equipamento. “É necesario poñelo en marcha e cada vez é máis urxente que teña unha utilidade e poida ser desfrutado polos veciños”, indicou Rueda.

Así mesmo, no encontro ambos abordaron o asunto do museo da romanización, para o cal o presidente da Xunta reiterou o compromiso de complementar o investimento cando o Concello consiga financiamento.

Ademais, renovou o seu ofrecemento de colaborar no financiamento dunha terceira parte na execución dun novo pavillón deportivo en Garabolos e apuntou que a Xunta está a espera de que se lle remita o proxecto. Con todo, indicou que a alcaldesa lle transmitiu na reunión que a cantidade inicial de 3 millóns de euros que estaba prevista se eleva a 5 millóns, o cal supón o incremento da aportación do Goberno galego pero, “aínda así mantemos o noso compromiso”, explicou.

Saneamento no rural

Por último, no encontro tamén se abordaron temas como o saneamento nas zonas rurais, onde ámbalas dúas administracións están pendentes de asinar un convenio por valor de 2,4 millóns e mediante o cal a Xunta aportará o 70% para levar a cabo as obras de mellora.

Así mesmo, Alfonso Rueda referiuse tamén ao compromiso do Goberno a desenvolver o Campus Terra e o compromiso de aportación de 4 millóns de euros ata o 2025 –que se suman aos 8 millóns xa investidos–; así como o compromiso de ceder dúas plantas do edificio de obras públicas que pertencen á Xunta para construír a nova comisaría se ese é finalmente o destino que elixe o Ministerio; e a posible ampliación da infraestrutura xudicial, para a cal o Concello amosou a súa colaboración para buscar novos emprazamentos no caso de que houbese necesidade.