Skip to main content
Lugo

Unha arquitecta de Alxeria estuda en Lugo as características da agricultura urbana

Por 27 Novembro, 2023Sin comentarios

Meriem Korchi, alumna da Université de Constantine 3 de El Krohub, que está a completar unha estadía na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, aproveita a súa estadía en Lugo para afondar sobre o traballo realizado ao abeiro do proxecto Novos Modelos de Hortas Urbanas, liderado por Ana Cabana.

A arquitecta e investigadora predoutoral na Université de Constantine 3 de El Krohub, en Alxeria, que está a completar unha estadía na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, baixo a supervisión de Eduardo Corbelle Rico, profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría do departamento de Enxeñaría Agroforestal, manifestou interese por afondar no estudo das características da agricultura urbana de Lugo, unha liña de traballo que centra as pescudas do proxecto Novos Modelos de Hortas Urbanas (Nomoholu), unha actuación liderada pola profesora do departamento de Historia Contemporánea da USC no Campus de Lugo, Ana Cabana Iglesia.

A investigadora alxeriana aproveitou os primeiros días da súa estadía na capital luguesa para acompañar a investigadores ligados ao proxecto Nomoholu en diversas saídas de campo, a fin de ter un coñecemento máis directo e sobre o terreo respecto das características e singularidades que presentan os terreos e espazos dedicados á agricultura urbana, de iniciativa pública e privada, tanto na contorna urbana da cidade como nos arredores da cidade.

O proxecto de investigación Novos Modelos de Hortas Urbanas en Lugo e contorna: saberes agroecolóxicos, seguridade alimentaria e resilencia local (Nomoholu) responde a unha proposta de I+D que conta con financiamento ao abeiro da convocatoria de proxectos de investigación colaborativa do Campus Terra de 2022.

As distintas actividades programadas no marco deste proxecto desenvólvense baixo o paraugas do Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas (CISPAC) e a súa execución recae nun equipo interdisciplinar liderado por Cabana Iglesia, pero do que tamén forman parte Eduardo Corbelle Rico, así como os docentes e investigadores Elena Freire Paz, da área de Antropoloxía Social da USC; Dolores Vázquez Castro, da área de Ecoloxía, e Mar Pérez Fra e Ana Isabel García Arias, ambas as dúas da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria, integradas tamén no grupo de investigación Ecoagrasoc da USC.