Skip to main content
Lugo

Lugo únese á loita contra a violencia de xénero

Por 24 Novembro, 2023Novembro 25th, 2023Sin comentarios

SUBDELEGACIÓN DE GOBERNO

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, clamou durante o acto da Subdelegación do Goberno polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, pola importancia de non dar ningún paso atrás para erradicar esta lacra que cada día están a vivir milleiros de mulleres e nenas no noso pais.

A subdelegada, xunto á Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, e outros membros das institucións públicas, Policía e Garda Civil, manifestou o seu absoluto rexeitamento a todas as formas de violencia machista, “unha violencia estrutural que é a expresión máis cruel da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres”.

Isabel Rodríguez lembrou que exercer violencia contra as mulleres é sinónimo de vulnerar todo dereito fundamental, en referencia “á vida, á liberdade, á integridade física e moral, á igualdade e á dignidade das mulleres, os dereitos da infancia e o dereito para decidir libremente sobre o desenvolvemento da propia vida”.

Dende o Goberno, isto tradúcese na adopción e desenvolvemento dun conxunto de políticas públicas que teñen como obxectivo previr e dar resposta a todas as formas de violencia, sempre tendo como eixe principal o benestar da vítimas e a súa seguridade.

Entre as medidas adoptadas neste ano en que se marca un punto de inflexión, atopámonos coa posta en marcha de novas normativas que teñen como principal motivación o consentimento expreso, así como o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cercando aínda máis a protección das vítimas. Tamén a consolidación de gabinetes de crise para dar unha resposta ante os feminicidios entre outras normas.

Un dos fitos máis importantes feitos neste eido está recollido no Informe de Evolución do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2018-2022, que mostra uns resultados no que entre o total de medidas, o 96,8% están cumpridas ou en proceso e tan só o 3.2% están pendentes de execución.

Así mesmo, a subdelegada reafirmou esta loita cara a fora das nosas fronteiras, situando a España “en primeira liña da acción internacional para eliminar todas as formas de violencia contra as mulleres e as nenas, colaborando cos países socios no desenvolvemento de sistemas que axuden a previr estes delitos, protexer ás vítimas e perseguir aos perpetradores”

“A loita contra as violencias machistas forma parte do corazón da nosa democracia, e é desde este compromiso cos dereitos humanos e as liberdades fundamentais desde o que o Goberno quere enviar de novo unha mensaxe de recoñecemento e homenaxe a todas as mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista, a quen xa non está, ás súas familias, e a todas as sobreviventes” rematou a subdelegada a lectura do manifesto

A subdelegada afirmou que debemos seguir a traballar na loita contra a violencia machista para erradicala, alegando que está moi presente na sociedade, como o demostran os 667 casos activos na provincia que ten notificados o Sistema VioGén de protección das vítimas. A subdelegada detallou que destes non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 5 de risco alto, 126 que son de risco medio, 310 de risco baixo e 226 de risco non apreciado.

MERCADO E PRAZA DE ABASTOS

A concelleira Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inauguraron na Praza de Abastos e no Mercado Municipal un lazo morado que recorda ás vítimas da violencia contra as mulleres.

Este 25 de novembro, celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, “unha data na que debemos amosar a nosa repulsa contra a violencia machista, unha verdadeira pandemia letal para miles de mulleres no mundo”, explicou Cristina López.

A concelleira de Participación destacou que “desde o Goberno de Lugo traballamos para que todas as actividades sirvan tamén como espazo de concienciación sobre a violencia machista, dándolle visibilización e traballando en mellorar a concienciación da sociedade”. Neste eido, Cristina López lembrou que “os concellos son as administracións máis próximas, polo que temos que promover ferramentas para visibilizar e loitar contra a violencia de xénero”.

DEPUTACIÓN DE LUGO

A Deputación de Lugo condenou este venres a lacra do machismo criminal coa marcha En camiño contra as violencias, organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución con motivo do 25N. O Presidente provincial, José Tomé Roca, e membros da Corporación encabezaron a sétima edición deste percorrido, que partiu da Praza de San Marcos e atravesou as principais rúas da cidade ata o Centro de Formación Audiovisual.

Marisol Morandeira, a Deputada de Muller e Igualdade, leu a Declaración Institucional acordada polos tres grupos políticos da Corporación provincial polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que defende a unión na loita contra os feminicidios e os ataques ás mulleres. “Só terminaremos con esta lacra social traballando xuntos e xuntas: todas as administracións, o poder lexislativo, o xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, as forzas e corpos de seguridade, as organizacións sociais especializadas en violencia de xénero, os medios de comunicación, a comunidade educativa e o conxunto da sociedade”, recolle o documento.

Tras a lectura da Declaración Institucional arrancou a marcha, que percorreu as principais rúas do centro da cidade de Lugo para reivindicar a importancia de dar visibilidade ás violencias machistas, unha ferramenta fundamental para deter esta lacra.

“O machismo criminal ten asasinado en España a máis de 1.236 mulleres desde 2003, con 428 nenos e nenas orfos desde 2013. No que levamos de ano, elévanse a 51 as mulleres que foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, un número de vítimas superior ao dos tres anos anteriores. E que debe facer reflexionar a todos os que, por motivos ideolóxicos ou por tacticismos mal entendidos, negan a existencia deste tipo de violencia ou a definen con nomes que tentan minimizala”, incidiu a deputada.

En camiño contra as violencias é unha iniciativa que dende hai sete anos a Deputación organiza co alumnado de Produción do Centro de Formación Audiovisual. O propio estudantado involucrouse neste traballo coa preparación de diferentes accións ao longo da marcha, portando bolsas negras para representar ás vítimas da violencia machista ou a queima de papeis con frases machistas.

Neste percorrido participaron representantes de diferentes entidades, así como veciñanza da provincia, que se foi encontrando actividades polas rúas do centro de Lugo.

O programa organizado pola Deputación con motivo do 25-N incluíu este ano a terceira xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, un foro que nesta edición promoveu a institución provincial xunto con Radio Lugo-Cadena Ser, enmarcado no ciclo Con Voz de Mujer co que conta a emisora a nivel nacional. A cita reuniu a unha decena de mulleres referentes con distintas profesións e experiencias vitais, vinculadas a institucións, ao mundo da empresa, da cultura, da educación e da xustiza.

Así mesmo, na fachada da sede provincial tamén está despregada unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas.

A campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribuíu entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller debemos expresar un ano máis nosa enorme preocupación, tamén a nosa dor, por esta aberrante lacra social que nos rodea. O momento que nos toca vivir presenta secuencialmente enormes traxedias: a COVID-19, a invasión de Ucraína, o eterno conflito palestino-israelí e outros moitos, que tantas vidas de nenos e xente indefensa están a custar. Pero a violencia contra a muller non é secuencial, senón recorrente, non é algo puntual ou agudo, senón crónico. Algo que, moi lamentablemente, forma parte das nosas vidas. É un problema estrutural que se manifesta de múltiples formas, desde a violencia física e sexual ata a violencia psicolóxica, económica ou social.

Por iso, paréceme moi necesario o simbolismo de fixar un día ao ano para recapacitar sobre o que está a pasar, acabar cos discursos negacionistas e lembrar ás vítimas. Nos últimos 20 anos, 1.237 mulleres faleceron en España como consecuencia da violencia machista, 68 delas en Galicia. Debemos ser conscientes de que estamos ante un problema transversal, que afecta a todas e debe ser afrontado por todos.

Hai mulleres maltratadas que nin sequera aprecian os malos tratos. Hai homes maltratadores que nin sequera se dan conta de que o son. A violencia non só se manifesta a golpes ou a coiteladas. Temos que aprender a distinguir correctamente a violencia psicolóxica, cuxa presencia é extensísima. Temos que traballar coa mocidade para deixar en cero ese 20 % que nega a violencia de xénero. Temos que protexer ás menores da violencia sexual, que a maioría das veces provén da súa contorna, e da violencia en liña.

En definitiva, temos que entender que é erróneo pensar que a violencia sobre a muller é algo que lle pasa a persoas alleas á nosa contorna familiar ou social. Temos que entender que esta violencia aféctanos a todos, aínda que non se queira recoñecer. E temos que entender que temos que traballar e actuar, todos os días do ano, desde a familia, a empresa, as administracións públicas, os centros escolares, en suma, desde todos os ámbitos da sociedade, para evitar futuros maltratadores e para xerar o illamento social dos maltratadores que xa o son, denunciando as súas condutas. Hoxe, 25 de novembro, como todos os días, é obrigada a condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres e de todas e cada unha das súas manifestacións, as que se ven e as que están aínda ocultas.