Skip to main content
Lugo

O luns proxectaranse os traballos gañadores do Certame de Videocreación

Por 26 Novembro, 2023Sin comentarios

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC celebra este luns 27 de novembro, a partir das 20.45 horas, na Casa do Saber de Lugo, a sesión de proxección pública das propostas audiovisuais presentadas á quinta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo e que repartirá 1.200 euros en premios entre as tres candidaturas máis valoradas polo xurado.

Unha vez completado o visionado dos traballos, a sesión rematará coa entrega de galardóns. O Premio á mellor linguaxe visual, dotado con 400 euros, distinguirá a peza cos mellor imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual; o Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria, tamén dotado con 400 euros, valora aspectos da obra referentes ao guión e uso da linguaxe escrita ou oral, mentres que o Premio Araceli Herrero á mellor comunicación, que conta con igual dotación económica, premiará a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes.