Skip to main content
Lugo

Xa hai gañadores do segundo Certame de Paisaxe Sonora

Por 25 Novembro, 2023Sin comentarios

O II Certame de Paisaxe Sonora, unha iniciativa a prol do fomento da creatividade promovida pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, distingue as obras Sensacións do Morrazo, de Carlos Suárez, e El Peregrino, de Luz María Salgueiro e Diego Sanmartín.

O xurado encargado de fallar os galardóns do II Certame de Paisaxe Sonora, ao que concorreron un total de 16 propostas, acordou asemade destacar como pezas finalistas as composición Raposo, de Anne Lepere, As Pontes da Ulloa, de Jesús Otero Seoane, e Navegando, de Eloísa Matheu Cortada.

Alén dos galardóns outorgados polo xurado do II Certame de Paisaxe Sonora, un tribunal formado por Xoán Xil López Rodríguez, Arturo Vaquero Taboada e Marco Antonio Maril Pardo, o Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) agasallou co Premio honorífico Inmaculada Cárdenas GCSUS 2023 a ‘El Peregrino’.

Asemade os responsables do GCSUS, Efraín Díaz, Inmaculada Cárdenas e Mónica Álvarez, acordaron conceder cadansúa mención de honra a outras tres pezas. Daquela, o GCSUS outorgou este recoñecemento ás obras Raposo e Sensacións do Morrazo, ao tempo que salientou a “calidade das gravacións e a capacidade para xerar sensacións” da peza Navegando.