Skip to main content
Lugo

A cidade uniuse á loita contra a violencia de xénero con dous actos

Por 26 Novembro, 2023Novembro 27th, 2023Sin comentarios

Onte celebrouse o 25N, unha celebración que non deixou indiferente a ningún colectivo e que ano a ano saca ás e aos lucenses á rúa para loitar contra a violencia de xénero. Onte celebráronse en Lugo dous actos principais, por unha banda a ofrenda floral e, pola tarde, a gran manifestación.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou pola mañá no acto de lectura do manifesto e ofrenda floral con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebrou ás 12 horas fronte a Árbore da vida, na praza de Santo Domingo. Tras a lectura do manifesto, que correu a cargo dunha representación de xogadoras dos equipos feminino e genuine do CD Lugo, a rexedora reclamou o apoio sen fisuras de toda a sociedade lucense para loitar contra a violencia de xénero e recordou que este ano está a ser especialmente grave con 53 mulleres asasinadas no noso país, 2 en Galicia.

“É esta expresión violenta a máis dramática e brutal exercida contra as mulleres, pero existen moitas outras manifestacións que deben ser tamén visibilizadas, denunciadas e combatidas de forma estrutural”, afirmou Méndez ,quen ve necesario avanzar en aspectos como a protección das mulleres contra as agresións sexuais, en aumento desde 2019, a fenda salarial, que aínda supera o 18% ou as medidas de conciliación, onde a porcentaxe de excedencias solicitados para coidados de familiares recaen nun 85% nas mulleres.

A rexedora que estivo acompañada pola responsable da área de Cohesión Social, Ana González Abelleira, solicitou un respaldo sen fisuras para esta causa ante a ameaza de recordes que experimenta España coa chegada ao poder das opcións negacionistas. “Ademais dos 53 asasinatos no ámbito da parella ou exparella, os feminicidios cometidos fóra deste círculo revelan datos alarmantes. Isto sucede nun contexto político onde determinadas opcións políticas, desde as súas áreas de xestión pública, inician un preocupante proceso de recorte de recursos destinados a combater este problema social, arrastrando así na súa deriva as forzas coas que gobernan”, dixo. Por iso é necesario solicitar un compromiso firme por parte de toda a sociedade: veciñanza, do tecido asociativo e dos partidos políticos para que ter un Lugo libre de violencia machista”, manifestou Méndez antes de amosar a súa solidariedade coas vítimas e as súas familias.

Así mesmo, a alcaldesa destacou os avances lexislativos acadados ao longo do século XXI en España facendo fincapé na importancia da aprobación da Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero de 2004 e renovación do Pacto de Estado contra la violencia machista promovido polo Goberno de España en 2021 que permite blindar o seu financiamento. “Sen o marco legal promovido polos gobernos socialistas, a capacidade de actuar das distintas administracións tamén sería mínima. O noso Goberno local, desde as súas competencias leva a cabo unha acción política onde a perspectiva de xénero sempre está presente. Pero ademais conta coa Casa da Muller como ferramenta integral de axuda ás vítimas e os seus fillos e fillas”, concluíu.