Skip to main content
Lugo

Traballadores do Grupo Lence mobilízanse no Ceao contra a represión e os despedimentos

Por 28 Novembro, 2023Sin comentarios

Traballadores e traballadoras de Transleche (do Grupo Lence) mobilizáronse este luns no polígono do Ceao en rexeitamento á política represiva da empresa e para reclamar a readmisión inmediata dos compañeiros despedidos, un deles delegado de persoal e outro ex representante dos traballadores.

A empresa, explica Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, executou estes despedimentos en base a “feitos totalmente incertos dentro no marco dunha incidencia habitual na actividade laboral”. Denuncia que estes despedimentos (que xa están recorridos na vía xudicial) “forman parte da política de represión e medo iniciada pola empresa, co obxectivo de que os traballadores deixen de reclamar os seus dereitos salariais”.

Neste senso, López sinala que a empresa xa manobrara promovendo as eleccións sindicais para dividir a representación do persoal, “e como esta estratexia lle saíu mal (a CIG volveu sacar a totalidade dos delegados), Transleche comezou entón a perseguir o persoal”.

“Atrás destas actuacións antisindicais e represivas, atópase a negativa da empresa a pagar adecuadamente o exceso de xornada”, engade. De feito, apunta López, Transleche acumula numerosas denuncias, multas e sancións pola infracotización das horas extraordinarias.

Por iso, advirte que a CIG non vai tolerar “este tipo de prácticas represivas e adoptará as medidas sindicais e legais que sexan necesarias para que se respecten os dereitos dos traballadores e se proceda á readmisión inmediata dos compañeiros despedidos”.