Skip to main content
Lugo

Entregados os premios do certame de Videocreación

Por 28 Novembro, 2023Sin comentarios

‘Quinta estación’, ‘Carta de amor’ e ‘Todo flúe’ acadan os premios do V Certame de Videocreación, unha iniciativa promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, a través da que as preto de 50 persoas participantes deron vida a 11 propostas de videoarte.

A quinta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, permitiu agromar a creatividade do estudantado universitario e tamén do resto das preto de 50 persoas participantes para contar historias e transmitir sensacións a través da pantalla con once propostas de videoarte, entre as que resultaron galardoadas Quinta estación, Carta de amor e Todo flúe.

A cerimonia de entrega de galardóns do V Certame de Videocreación, un programa a prol do talento nas novas formas de manifestación artística que agasallou con 1.200 euros en metálico, ademais de cunha obra da académica Mónica Alonso, aos autores das tres videocreacións gañadoras, serviu para constatar a crecente calidade artística, visual e literaria dos traballos que ano tras ano manteñen vivo un certame que mantén viva a conexión da expresividade artística coas xeracións máis novas.

O xurado encargado de fallar os premios desta convocatoria, un tribunal de expertos formado por Carmen P. Granxeiro, Vicente Blanco Mosquera, Salvador Cidrás, Dores Rodríguez e Bruno Novo, fixo público o seu ditame logo de visionar este luns no auditorio da Casa do Saber as pílulas de videoarte presentadas a concurso, no marco dunha gala na que tamén participaron o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Antonio Álvarez; a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Tareixa Antía Ferreiro, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Promoción da Lingua, Iria Castro.

Unha vez completado o visionado das videocreacións, o xurado distinguiu a peza Quinta estación, de Mario Pereira Goiriz co premio á mellor linguaxe visual, logo de valorar o elevado grao da calidade estética da súa imaxe, iluminación e dirección artística, así como outros referidos á montaxe e edición visual. O galardón Araceli Herrero á proposta de videoarte que mellor engloba todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes recaeu en Carta de amor, de Ana Valentina López e Cristian Leiva. A videocreación Todo flúe, de Diego Sanmartín e Luz Salgueiro, recibiu o premio Isidro Novo, co que o xurado pon en valor os aspectos literarios da obra referentes ao guión e ao uso da linguaxe escrita e oral.