Skip to main content
Navia de Suarna

A residencia de Navia de Suarna cumpre o seu primeiro ano de vida

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

“Estas celebracións son accións pequenas, pero moi importantes no día a día dos nosos centros, porque contribúen ao benestar emocional dos residentes e esa é precisamente a nosa prioridade”, sinalou o mandatario provincial.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, compartiu cos usuarios e usuarias o primeiro aniversario do Centro de Atención a Maiores da localidade, financiado pola institución provincial en colaboración co Concello. José Tomé mantivo un encontro co persoal da residencia e cos residentes, que lle trasladaron o seu agradecemento pola aposta para manter unha rede de centros públicos, de calidade e que permite á veciñanza quedarse a vivir na súa contorna.

A Deputación de Lugo, en colaboración co Concello, organiza unha xornada de festa con diferentes actividades lúdicas, actuacións musicais e un menú especial que os usuarios e usuarias puideron desfrutar coas súas familias e seres queridos. “Celebrar un aniversario e poder pasar tempo en familia son accións pequenas, pero moi importantes no día a día dos nosos centros, porque contribúen ao benestar emocional dos residentes, e esa é precisamente a nosa prioridade”, sinalou Tomé Roca, que acudiu a este aniversario acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. 

“Facemos un gran esforzo para manter esta atención de calidade porque a Xunta, que é a Administración que ten as competencias, non o fai. E se a Deputación non abre este tipo de centros, como fixo en Navia o ano pasado, a atención das persoas maiores non existiría”, lamentou o Presidente, quen sinalou que o Executivo autonómico “leva case 15 anos sen abrir nin unha soa residencia pública e tampouco se contempla unha nova apertura nos Orzamentos da Xunta para o 2024”.

A residencia de Navia de Suarna supuxo para a institución provincial un investimento de 2M€ e o Concello tivo que aportar outros 300.000€.

“O noso compromiso é manter e mellorar, na medida das nosas posibilidades, eses coidados e esa atención que reciben as persoas. Tamén seguir ampliando a rede de residencias que temos na provincia porque estamos atendendo ás persoas, pero tamén estamos xerando emprego e actividade económica no rural”, destacou Tomé Roca, que valorou que con estas dotacións “estamos axudando a que a xente, sobre todo a mocidade e as mulleres, se queden no rural. Estamos contribuíndo, en definitiva, a que o noso rural teña futuro”.

Navia, un centro con 29 usuarios

No Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna viven a día de hoxe 29 persoas, ás que atenden un total de 23 traballadores e traballadoras. Moitos dos usuarios e usuarias forman parte da historia viva da Pobra de Navia e das aldeas da contorna. É o caso de Enrique Monasterio, un xastre que emigrou a Cuba e que volveu á vila para seguir confeccionando traxes para os seus veciños; Jesús, aos que todos coñecen como Veiguiña, que era o zoqueiro da Pobra; Maribel, Elena e Ana, que tiveron negocios no pobo e formaron parte das Cantareiras de Rolindes, moi coñecidas tamén pola súa participación activa na vida cultural e deportiva do municipio; Ovidio Romero é outro xastre do concello que aínda colle a agulla para subir o baixo do pantalón dalgún compañeiro; e Idilio, aos que todos chaman Lilo, quen foi a última persoa en entrar na residencia de Navia e que durante toda a súa vida rexentou un dos bares máis populares da vila.

Rede de residencias provincial

A Deputación abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como Presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres.