Skip to main content
Axenda CaducadaPalas de Rei

Palas de Rei será a quinta xornada viaxeira do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa

Por 25 Novembro, 2023Sin comentarios

Despois do gran éxito da apertura en Friol, da boa acollida da segunda e terceira experiencia en Guntín e Antas de Ulla e das boas expectativas que temos na cuarta xornada que terá lugar en Castroverde este 2 de decembro (máis de 90 apuntados a falta de máis dunha semana), onte tivo lugar en Palas de Rei a presentación da quinta xornada viaxeira “Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía”.

Pablo Taboada (alcalde do Concello de Palas de Rei), Lorena López Cedrón (xerente do GDR 4 e do Xeodestino Comarca de Lugo e Terrras da Ulloa), e Guido Álvarez Parga (impulsor do proxecto Guido Guía) anunciaron os primeiros detalles dun sábado 13 de xaneiro no que volverán a reunirse historia, cultura, natureza, gastronomía e música tradicional.

Este proxecto engloba a 10 concellos das comarcas de Lugo e as Terras da Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) nos que nos vindeiros meses irán facéndose xornadas de presentación do que é un proxecto a longo prazo para poñer en valor as riquezas do territorio, e ao mesmo tempo promover vínculos sociais e culturais tanto de proximidade como con visitantes de máis lonxe que se animen a participar.