Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAPantón

Pantón, un cinco estrelas da arte románica

Por Carlos Gegúndez

Quen me coñece xa me ten escoitado dicir: Quen lle dera a Palencia o románico de Pantón!

A primeira reacción de quen sente tal cousa é a de esbozar un sorriso, ou ben, a de recibir esta expresión con certa incredulidade. Non deixo de recoñecer que as miñas verbas rezuman unha alta estima cara as terras do sur da nosa provincia. Tampouco é cuestión de competir con ninguén nin se trata de poñermonos a discutir sobre se a arte románica ten máis valor nunhas zonas ou noutras, todas teñen o seu interese, mais gústame mandar unha mensaxe un tanto hiperbólica para chamar así a atención sobre o extraordinario patrimonio co que conta este pequeno concello de apenas cento corenta quilómetros cadrados.

Hai xa uns anos tiven a sorte de facer esta descuberta da man dunha experta na historia e a arquitectura románica da zona, Flora Enríquez, especialista en arte e investigadora. Comezou a nosa visita por un imperdible, o mosteiro cisterciense de San Salvador ubicado en Ferreira, capitalidade municipal, e no que destacan a igrexa, nomeadamente a súa decoración escultórica e o claustro construído en pedra, granito e madeira e disposto en dous corpos. O conxunto complétase coa hospedería e outras dependencias de orixe barroca. Esta é seguramente a construción da arquitectura románica máis coñecida e visitada de todas as que hai neste concello, resultando tamén de moito interese algunhas tallas entre as que destaca a escultura policromada da Virxe e o Neno descuberta na propia igrexa a finais do século pasado, exemplo palmario da escultura relixiosa románica. Neste cenobio residen na actualidade algunhas relixiosas de clausura, as cales elaboran deliciosos doces tradicionais que os visitantes poden adquirir.

Outra testemuña do esplendor medieval na área de Pantón é San Fiz de Cangas, declarada Monumento Nacional e antiga igrexa monacal, na parte externa destaca a porta da entrada e a decoración dalgúns dos vanos, a edificación orixinal foi alterada por diferentes intervencións posteriores destacando, no interior, a construción da capela de Torrenovais, a cal acolle o espectacular sepulcro do cabaleiro de Santiago e comendador de Anguera, Rodrigo López de Quiroga, entre as reliquias máis destacadas está un calvario do séxuclo XIV custodiado polo Museo de Arte Sacro das Clarisas, en Monforte de Lemos.

Extraordinario exemplo da arquitectura relixiosa románica é tamén a igrexa de San Miguel de Eiré coñecida como “O Mosteiro”, fundada a comezos do século XII, pertenceu a un convento da orde de San Bieito e a súa torre foi construída enriba dunha nave transversal anterior á absida o que lle confere unha extraordinaria singularidade dentro do románico galego.

Nun emprazamento inmellorable localízase San Estevo de Atán, alén do interese arquitectónico da edificación; os seus capiteis e arcos da portada, os canzorros do aleiro e tres pequenas fiestras cunha estrutura pétrea imitando celosías, cómpre salientar a beleza da contorna, o lugar no que se atopa, preto da beira esquerda do Miño é un agasallo para os visitantes que poden gozar dunhas extraordinarias vistas cara un espectacular meandro, característico dos grandes ríos que percorren os canóns da Ribeira Sacra.

Na marxe dereita do Sil atopamos a antiga igrexa monástica de San Vicente de Pombeiro, única construción que se conseva do antigo mosteiro. Na parte exterior destacan as arquivoltas que se atopan na porta oeste, a edificación conta con contrafortes na fachada principal, resultando tamén de moito interese a decoración das tres ábsidas semicirculares.

Cinco monumentos

Estes cinco monumentos conforman un repertorio extraordinario para calquera persoa interesada no turismo cultural e máis concretamente na arte románica.

Obviamente, e por falta de espazo e tempo, só puiden dar algúns trazos do que se pode contemplar nestas terras do Val de Lemos, tampouco teño os coñecementos nin a mestría de Flora Enríquez para transmitir todas as excelencias do magnífico patrimonio pantonés.

Hoxe decátome de que foi unha sorte poder gozar daquel percorrido da man dunha experta comunicadora, quen nos deixou un extraordinario pouso aos que a acompañamos aquela tarde morna de primavera.

Despois desta experiencia entendín a percepción dun escritor pontevedrés de comezos do século pasado cando se hospedou varios días nun mosteiro da Ribeira Sacra, ao parecer este autor, andaba á procura do ouro do Sil mais debía estar moi agochado porque non o conseguíu achar.

Non obstante, xusto cando ía marchar reparou na beleza da paisaxe, na riqueza patrimonial da zona e na súa singularidade, todo aquelo nada tiña que ver co metal dourado con escaso valor de uso e elevado valor de cambio que tanto se paga nas xoiarías. O verdadeiro ouro, sinalaba o propio escritor, non se agochaba en ningures. Estaba á vista e só había que reparar nel, un tesouro que aínda hoxe conservamos e que debemos cuidar e contemplar a cámara lenta, ao mesmo ritmo co descenso pausado das augas que levan roendo as paredes que as arrolan desde tempos prehistóricos.