Skip to main content

Noelia Castro Yáñez

Incontables foron as ocasións nas que tratei de darlle unha oportunidade a numerosos xornais, sumando as que sigo por darlle. Eu, que me atopo lonxe da situación vital do meu queridísimo e aprezado profesor de Galego E. Agora xubilado, e, por suposto, non teño o tempo do que el dispón. Falando disto, contoume que el marcouse por norma ler detidamente, que non en diagonal, unha selección de prensa variada todos os días. Para así sesgar información e ter unha visión máis ampla e xeral dun mesmo acontecemento, distintas voces que narran un mesmo suceso de maneiras diferentes, cada unha poñendo o foco nun lugar distinto.

Porque se a información é poder, debemos tratala con tino. Iso sería o idílico, pero desafortunadamente, ler o xornal sempre adoita ir acompañado doutra tarefa paralela no meu caso. Coido que pode resultar contraditoria esta pequena crítica feita desde estas páxinas, pero máis ca unha crítica, prefiro velo como unha chamada de atención ao lector, e a min mesma. Xusto hoxe, unha creadora de contido lamenta un titular en todos os medios nacionais e internacionais, descontextualizado e cortado parte do seu discurso que a deixa ver como homófoba, aproveitando nalgúns deles a súa condición de persoa relixiosa, e católica, por suposto. A ese punto chegamos, a empregar as crenzas dunha persoa para tildala de segundo que cousas, alimentando e despertando o odio.

A súa resposta hoxe pola mañá foi emitir ela mesma nas súas redes sociais o fragmento enteiro de entrevista, onde lonxe da realidade, as súas palabras non son para nada homófobas, do que se lle acusa e polo que leva días a recibir ameazas. Isto somos, lamentablemente. E nisto nos están a converter. Escoito a unha xornalista, casualmente, ou causalmente, non sei moi ben, explicar unha sentenza que lle repite constantemente á súa filla e coa que non podo estar máis de acordo. O que outras persoas din de ti, non te define, non di quen eres ti. O que outras persoas din de ti, defíneas máis e mellor a elas, ca ti. Creo que se trata dunha maneira moi bonita de resumir o anterior.

E todo isto viña a colación do seguinte, fai cousa dun mes aparece un titular que afirma que aprobar Matemáticas é o dobre de fácil entre os estudantes de familias acomodadas. Respaldándose nun estudo supostamente para darlle validez ás palabras. Pero claro, os estudos hai que analizalos en profundidade e estudar analíticamente os seus resultados. Feito isto, o que si podo garantir é que aprobar Matemáticas é o dobre de fácil se as estudas. Que sorpresa! As Matemáticas precisan de estudo, de traballo e sacrificio. Pero como reza a porta da Academia, hai dúas cousas boas na vida, descubrir e ensinar Matemáticas. Porque nos axudan a ser lóxicos, a razoar ordenadamente e a ter a mente preparada para o pensamento, a crítica e a abstracción.

O traballo parte do cruce de datos entre os resultados dun exame e os condicionantes de cada estudante, que se establecen no cuestionario de contexto que se inclúen na proba, estamos polo tanto, entendendo que a mostra é representativa. E dando validez ás respostas do alumnado sobre renda familiar, orixe, equipamento cultural… O estudo garante tamén unha forte correlación entre políticas educativas, burocracia do profesorado e nivel de temporalidade dos docentes, pero que casualidade! Diso non se fai eco o titular. Eu, logo de ser graduada en Matemáticas, e ter percorrido moitas veces os corredores da Facultade de Santiago, podo prometer e prometo, que a meirande parte dos que alí estudamos, non eramos os fillos das rendas máis altas, pero si eramos os que máis nos esforzabamos por sacar adiante unha carreira durísima.

Na miña casa, lonxe da riqueza, o que houbo sempre foi cordura e meus pais priorizaron a miña formación por riba de todo gasto superfluo. Porque non hai maior herdanza que a formación. Como di La Vecina Rubia, no seu segundo libro “Contando atardeceres”, ir á Academia non é sinónimo de ser peor estudante nin unha especie de castigo. É simplemente un segundo instituto ao que ir polas tardes.