Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Estes días estamos escoitando constantemente nos medios de comunicación a expresión “dereito a defenderse”… Igual son eu a que non se está decatando da movida, pero, acaso isto non é branquear o “ollo por ollo”? É dicir, a idea é resolver un conflito político e territorial histórico coa fórmula da guerra e da violencia? Afrontar odio con máis odio, horror con máis horror. Pois sinceramente, non sei en que momento apelar á paz e á concordia deixou de estar de moda. Agora a vinganza e o “eu máis” son conceptos normalizados polos líderes occidentais e a ONU? Case boto de menos o “buenismo” hipócrita destas institucións. A dicir verdade, resúltame realmente curioso ler tantas veces “dereito a defenderse” no universo “cuqui” de Instagram, vai ser que a paz xa non mola nin no metaverso… Que a barbarie humana non ten límites e que a industria armamentística é moi poderosa, son afirmacións obvias que todas e todos temos moi claras, pero que nin sequera as persoas que se supón que teñen o temón se molesten en disimular, xa me parece tremendo. Francamente, dá medo.

A arte da guerra, expresión contraditoria? Sempre me resultou curioso xuntar estas dúas palabras nunha soa frase, pero o certo é que ao longo da historia, importantes pensadores escribiron largo e tendido sobre este tema: Sun Tzu e Sun Bin -ámbolos dous estrategos militares da antiga China- ou Nicolás Maquiavelo (1469-1527). O polifacético autor florentino -unhas das figuras máis relevantes do Renacemento Italiano-, está
considerado como o pai da Ciencia Política moderna, pero é que ademais, firmou un tratado militar titulado “Da arte da guerra” (“Dell’arte della guerra” na súa versión orixinal). Datado en 1520 e dedicado a Lorenzo de Filippo Strozi, a obra transcorre no xardín da casa de Cosimo Rucellai, onde a través dun diálogo entre Fabrizio Colonna e outros invitados, Maquiavelo desenvolve a súa política militar. Ao longo dos sete capítulos nos que está dividido, vanse afrontando e descifrando de forma homoxénea aspectos como o do recrutamento, a relación infantería-cabalería, a instrución e adestramento dos soldados, a orde de combate, a moral do combatente, o recoñecemento e a observación do campo inimigo, o acuartelamento e o réxime disciplinario e, por último, os sistemas de fortificación e defensa.

Aínda sendo excesivamente crítico coa arte militar do seu tempo e demasiado idealizador con respecto ao antigo, e a pesar da validez puramente especulativa que pode atribuírse á maioría das súas propostas, “Da arte da guerra” é unha xenial exhibición de teorización política e militar que, pola súa concepción, expuxo na súa época o problema da socialización da virtude, sinónimo de nomear as calidades políticas que fan do soldado un cidadán democrático. Deste xeito, recupérase un Maquiavelo cuxa principal ambición é presentar a asociación indisoluble que no Estado democrático informa da relación milicia-República.

Non me podo resistir a enunciar aquí algunha das citas deste tratado, non teñen desperdicio!:

“A natureza produce menos homes valentes que a educación e o exercicio.”

“Xamais hai que levar as tropas ao combate sen comprobar a súa moral, constatado que non teñen medo e verificado que van ben organizadas. Non hai que comprometelas nunha acción máis que cando teñen moral de vitoria.”

“É preferible render ao inimigo por fame que coas armas, porque para vencer con estas conta máis a fortuna que a capacidade.”

“Hai que aconsellarse con moitos sobre o que se debe facer, e con poucos sobre o que se quere realmente facer.”

En termos históricos, resulta fascinante constatar como fórmulas ideadas na Italia renacentista do século XVI continúan totalmente vixentes hoxe en día. En fin, menos mal que me considero unha persoa positiva e entusiasta porque se non…