Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Conversa con María Castro Álvarez, traballadora social da Casa da Muller

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo.

Cada 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Estamos a falar con María Castro Álvarez, traballadora social da Casa da Muller do Concello.

É preocúpame o dato de que o número de mulleres vítimas de violencia de xénero aumentou un 8,3% en 2022, que está a pasar?

Cando falamos de violencia de xénero non podemos esquecer que é un fenómeno moi complexo e que non se acaba cunha receita máxica. A Lei integral 1/2004 a define como “todo acto de violencia física e psicolóxica, incluíndo as agresións á liberdade sexual, ameazas, coaccións ou privación arbitraria de liberdade”. E existe porque temos unha sociedade desigual e patriarcal onde as relacións de poder son asimétricas en canto a posición que ocupamos os homes e as mulleres. E somos as mulleres as que historicamente estivemos relegadas a unha posición secundaria. A existencia da situación de poder que representa o patriarcado é necesaria para exercer o control sobre as mulleres e manter as situacións de discriminación. Fundaméntase, polo tanto, nunha base social na que as mulleres temos que desenvolver o rol feminino, estereotipado e determinado pola sociedade. Que formemos unha familia, que teñamos fillos, que coidemos… E na medida que non respondamos ás expectativas xeradas serve para xustificar as distintas formas de violencia: ter unha vida social allea ao cónxuxe; priorizar o laboral sobre o familiar ou non responder ás súas necesidades. No ámbito social, as mulleres, aínda, nos queda moito espazo que ocupar. As nosas decisións, as nosas opinións non teñen o peso específico que teñen as dos homes. E os micromachismos son continuos e normalizados, como cando imos pola rúa e escoitamos dun home “mira que guapa!”; ou alguén nos toca un peito ao subir a un autobús. Ou se estamos soas nun bar pola noite e invaden o noso espazo persoal. Por iso, hai tantas críticas á lei do Si é si porque moita xente se sinte reflectida nun espello xa que se está poñendo en evidencia comportamentos que están normalizados e que son en contra das mulleres. E sempre que hai avances para adiante, xurde un sector que se sinte atacado. No seu conxunto a violencia de xénero que existe na sociedade vai en relación cos niveis de desigualdade existentes entre homes e mulleres e co nivel de concienciación social sobre esas desigualdades de poder. Por iso, o incremento dos casos é ata certo punto lóxico. Cada vez hai máis información e máis concienciación pero a sociedade segue sendo moi desigual.

Como afecta a desigualdade?

Principalmente de dúas formas: unha se nos priva de desenvolvernos en todos os aspectos da vida: no persoal, no laboral, no social… e dúas se nos cosifica e se nos hipersexualiza a nosa identidade. Con respecto ás relacións de parella na medida que isto ocorre na esfera privada , diminúe a conciencia social para acabar con esta lacra. Ata a lei 1/2004 non se consideraba un delito publico e non foi ata o crime de Ana Orantes (1997) cando se empezaron a contabilizar os asasinatos de mulleres por parte das parellas e ex-parellas como violencia de xénero. Casos sempre houbo, pero daquela, non se nomeaban e tampouco se contabilizaban xa que o que non se nomea non existe. Se ademais a violencia ocorre dentro do ámbito doméstico non se visibiliza. No momento no que se empezou a visibilizar, somos conscientes de que hai unha lacra social pola que moitas mulleres foron e son asasinadas. A escusa de que ocorre nun ámbito privado xa deixa de servir. Porén hai moi pouca conciencia social porque tardouse moito tempo en tratar de sacalo fóra.

O silencio a quen beneficia?

Como vimos no caso de Jenni Hermoso, as mulleres cando visibilizan determinados feitos atópanse con semellantes atrancos e reaccións dunha parte da opinión pública que te obrigan a pensar moito en dicilo. Por suposto que o silencio perxudica, pero trasladarlle á vitima a responsabilidade da súa visibilización cando é a sociedade quen debe de facelo resulta moi inxusto. Trátase dun problema que pode afectar a calquer muller. Eu non coñezo a ningunha, nin profesional nin persoalmente, que non fora vítima dalgún tipo de violencia de xénero. Moitas fomos vítimas dunha violencia invisible, por exemplo, cando nos desprezan ao falar de temas considerados masculinos.

E por outra banda, percibo certa infantilización das mulleres, certo?

Sempre estivemos “tuteladas” ao longo da vida. Non tíñamos unha identidade propia, éramos fillas de, mulleres de, nais de… Entón na medida na que nos centramos no que queremos nós, deixaremos de lado o que os demais queren de nós. Cada Unha ten que empoderarse, realizar o seu propio proxecto vital, fomentar a súa autonomía, a súa capacidade de decisión e o seu dereito a equivocarse. Por iso, para min as mulleres maltratadas, ademais de ser vítimas, as que saen deixan de selo para convertirse en superviventes porque pasan a controlar a súa vida que é o máis importante. Polo tanto, as mulleres deixaremos de ser vítimas de violencia de xénero cando sexamos donas da nosa vida. Cada muller é un patrimonio único. Para iso é fundamental ter autonomía económica e tamén, autonomía emocional, é dicir, o feito de non centrar o noso ben estar noutra persoa. A vida pode estar chea sen ter parella, sen ter fillos… circunstancias moi sobrevaloradas. Que haxa libre elección sen ter que renunciar a outras cousas. Xa está ben do mito do amor romántico fundamentado na idea de que o amor todo o pode! É falso.

Un estudio da Fundación ANAR’ revela que a violencia de xénero entre adolescentes creceu un 87,2%. Hai suficiente educación sexual?

É que non hai ningunha, non existe. Hoxe en día, as nenas e os nenos edúcanse nas redes sociais. A falta de consciencia dos nenos de que están facendo dano é tremenda. Poden acceder facilmente ao porno, normalizando conductas moi violentas. Polo tanto, as familias, pais e nais, e a escola deben implicarse moito máis na educación sexual. Pero tamén ten que haber políticas e medidas preventivas, cunha pedagoxía determinada que falen de educación en igualdade, de respecto entre iguais… Por iso, as leis coma a do Si é si serven para previr porque, independentemente á duración das penas, eu coma muller quero sentirme segura, libre, non ter medo a ir pola rúa de noite. Quero que se deseñen cidades que teñan en conta isto, que sexan un entorno seguro con máis iluminación, con máis policías que patrullen, que haxan máis puntos violeta como lugares de referencia para obter atención e información… É moi importante investir nestas cousas para concienciar á poboación.

Non tés a impresión de que estamos a vivir certa involución?

É que o machismo sae como sae porque se decata de que se están dando pasos fóra do seu control. O Feminismo é o movemento social máis importante xa que visibiliza a desigualdade da metade da poboación. E os poderes públicos interveñen na medida en que hai presión social.

Que demandarías como Traballadora Social?

Que nos servizos sociais temos que poñernos as pilas e dar pasos adiante, máis alá como o feito de buscar a autonomía persoal e económica das mulleres. E aquí desexo facer fincapé en que as axudas sociais ás mulleres vítimas teñen que fomentala non supeditala aos ingresos da actual parella.

Ti que levas traballando máis de vinte anos na Casa da Muller, cales son para ti as medidas más importantes que se levaron a cabo?

A nivel xeral destaco o avance lexislativo que se iniciou coa Ley 27/2003 que regula a Orde de Protección para mulleres vítimas de violencia de xénero. Cando comecei, no 2000, só había casas de acollida. Eu non son defensora deste recurso, agás casos puntuais. Pero coa a Orden de Protección, pódese determinar xudicialmente que a muller cos seus fillos se queden na súa vivenda, na súa contorna. Pasamos de institucionalizar ás mulleres, a que continúen coa súa vida. E logo a Lei 1/2004 que contempla a tutela xudicial e que a violencia de xénero sexa perseguible de oficio por parte dos operadores policiais e xudiciais, levando cabo investigacións. A imposición da creación dos Xulgados de Violencia de Xénero é una aspecto moi importante da lei aínda que en Lugo non temos e que é unha carencia importante. Por último, as Leis de Igualdade Estatal e Autonómica e os plans de igualdade de oportunidades tamén son fundamentais para loitar contra a discriminación, o machismo e a desigualdade.