Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

O PP afirma que o orzamento da Deputación repercute menos no día a día dos lucenses

Por 22 Novembro, 2023Sin comentarios

O PP provincial afirma que “non se pode entender que o orzamento máis alto da historia da Deputación repercuta menos na mellora do día a día dos lucenses”.

Antonio Ameijide denuncia así que mentres o presuposto total da Deputación de Lugo aumenta en case 6 millóns de euros “a realidade amosa que se reducen nun 10% as aportacións ás entidades locais, ao pasar dos 15.887.039,58 euros de 2023 aos 14.340164,76 previstos para o vindeiro ano”.

O voceiro popular tamén fai fincapé en que a suma das transferencias correntes (capítulo 4) e das transferencias de capital (capítulo 7) baixan nun 4%, pasando dos 30.4 millóns de euros de 2023 aos 29.1 de 2024, “o que se traduce en que hai 1.290.365,61 euros menos para colaborar cos concellos”.

Dende o Grupo Provincial Popular denuncian que José Tomé mentiu durante a súa comparecencia no Parlamento, o pasado 3 de novembro, “cando asegurou que ía aumentar a aportación da Deputación ao Plan Único nun millón de euros, pero na realidade conxélase, manténdose previsiblemente nos 21.5 millóns e desoíndo a proposta dos deputados populares de aumentalo en 6.5 millóns”.

Os deputados populares afirman que os orzamentos que presentou José Tomé non son sociais nin cumpren coas necesidades da provincia “xa que PSOE e BNG conxelan o investimento en política social, o que se traduce en que non van abrir ningunha nova residencia, nin as rematadas, como é o caso da de Becerreá”.

Antonio Ameijide pon de manifesto que o mantemento da rede viaria provincial “non é nin unha prioridade nin unha preocupación” para Tomé xa que reduce en 400.000 euros os fondos destinados para a mellora das estradas provinciais, “a pesar de que as estradas da provincia están en moi mal estado, supoñendo un risco para a seguridade viaria”.

No PP explican que no caso das axudas, liñas e programas vinculados coa actividade agrogandeira, forestal e do mar (axudas para o tecido asociativo e as corporacións locais) a redución “é moi drástica”, do 21%, “baixando o investimento en 401.461,33 euros, pasando dos 1.941.261,33 de 2023 aos 1.539.800 para 2024”.

A promoción turística da provincia é outro eido no que tanto PSOE como BNG “suspenden” nas contas para 2024 “ao conxelar os fondos destinados para a difusión da imaxe da provincia (dos 1.924.624,26 euros en 2023 aos 1.915.986,36 para 2024), mentres seguen destinando importantes partidas para a promoción e difusión das “carreiras políticas” daqueles cargos socialistas e nacionalistas que lles interesan”.