Skip to main content
Chantada

Centos de persoas participaron da concentración promovida por ‘Chantada quere sanidade’

Por 4 Novembro, 2023Novembro 5th, 2023Sin comentarios

Centos de persoas congregáronse diante do centro de saúde convocadas pola plataforma Chantada quere sanidade para expresar un clamor unánime en favor dunha atención sanitaria pública con calidade asistencia para o que é necesario que Chantada teña o persoal médico e de enfermaría.

No manifesto lido polas persoas voceiras da plataforma, Mari Maciñeiras e Meixide, subliñáronse os continuados recortes, a falta de especialistas no hospital comarcal e os centos de millóns de euros que se levan recortando desde a Xunta “e que explican que hoxe se invista menos que no 2009”.

“As persoas afectadas nos centros de saúde de Chantada e Carballedo non imos permitir que se sigan pondo en risco as nosas vidas, porque os recortes e as políticas de desmantelamento e privatización da sanidade matan.  Desde a plataforma continuaremos desenvolvendo accións e dirixíndonos á xerencia na procura de solucións para os nosos centros de saúde mais para o hospital comarcal, cuxa directora debe demitir”, sostiveron desde a plataforma.

Chantada quere sanidade xa está recollendo sinaturas e estudará emprender novas mobilizacións polas rúas da vila até que haxa unha solución satisfactoria para os centros de saúde.