Skip to main content
Chantada

Pilar García Porto defendeu no I Congreso de Control de Vespa Velutina un plan de acción en Galicia

Pilar García Porto reivindicou este sábado en Chantada a necesidade de que a Xunta poña en marcha un plan de acción en Galicia para paliar “a gravísima situación que provocou no noso rural a praga da vespa velutina pola falta de medidas eficaces para combatela e a ausencia de axudas aos sectores produtivos máis afectados, como é o do mel e tamén o do viño”.

A voceira socialista do Goberno provincial e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, así o sostivo durante o I Congreso de Control de Vespa Velutina, que se celebra esta fin de semana e reúne na localidade chantadina a 200 apicultores e agricultores.

Pilar García Porto agradeceu ao GDR Miño-Ulla e á Asociación Galega de Apicultura a organización do encontro, pois aborda unha preocupación crecente no rural que necesita medidas urxentes. “Hai  unhas semanas, os apicultores manifestabánse en Lugo para denunciar os enormes danos que están ocasionando as velutinas nesta actividade, con mermas de produción superiores ao 30%, e perdas económicas de 10 ou 12.000 euros por produtor”, lembrou a Deputada.

Ademais, sostivo que “xunto co dano económico, que está chegando tamén á vide, está a alarma social polos riscos que estes insectos supoñen para a poboación, e a ameaza de perda de diversidade ecolóxica. Hoxe sabemos todo o que perde o medio ambiente se uns axentes polinizadores como as abellas minguan ou mesmo desaparecen de certas zonas. Sería un desastre”, subliñou.

Plan autonómico de control da velutina

Así mesmo, a voceira socialista do Goberno fixo referencia á inquedanza e preocupación que está a manifestar o sector primario e a sociedade en xeral sobre esta problemática, e recordou que no último Pleno do pasado martes, o Goberno provincial sacou adiante unha proposta para reclamarlle á Xunta de Galicia “que active canto antes un plan autonómico de control da velutina, así como unha liña de axudas para compensar aos apicultores e outros produtores do sector primario afectados”. Unha petición, lamentou, que “non tivo o respaldo dos deputados da oposición, que son do mesmo partido político que goberna na Xunta de Galicia”, seguramente, dixo, “porque non queren recoñecer o fracaso do que fixeron ata o de agora, que foi moi pouco e resultou ineficaz”.

Destacou tamén que “apostar exclusivamente pola retirada de niños non é suficiente, cando os niños retirados pasan de 17 a 22.000 en apenas 12 anos, cando esa retirada nin tan sequera conta cos medios materiais necesarios, cando as chamadas as atende un contestador, e cando a espera para a retirada chega a dous meses, senón máis”.

Así, dixo que desde a Deputación de Lugo defenden o que os organizadores desta xornada fan en Chantada, “que é escoitar aos produtores e aos investigadores”, poñendo en coñecemento dos profesionais, o que se está facendo noutras comunidades autónomas, como Asturias, Navarra ou Illas Baleares, porque alí os resultados están sendo mellores”, sentenciou.

Pilar García Porto rematou confiando que a celebración deste congreso “tan necesario” e as súas conclusións sirvan “de punto de inflexión para cambiar o rumbo, e para tratar a praga da velutina con todas as medidas e con todos os medios que son necesarios para combatela, polo ben dos apicultores e do conxunto do sector primario, do medio ambiente e do rural galego”. “Dende a Deputación de Lugo seguiremos reivindicando e pelexando para que así sexa”, concluíu.

Doce charlas e mesas redondas

O primeiro Congreso de Control de Velutina xorde da preocupación e consecuencias que está a provocar esta especie invasora no rural galego.

O foro conta cunha docena de charlas e mesas redondas nas que se abordará a situación da velutina no Noroeste Peninsular, como está evolucionando e os distintos modelos e medios de control e efectividade sobre esta especie invasora.

Os organizadores elevarán as conclusións do encontro ás administracións competentes.