Skip to main content
Chantada

Chantada acolleu o acto de presentación do matadoiro móbil da Xunta

Por 30 Novembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, investirá preto de 1,7 millóns de euros para a creación do servizo de matadoiro móbil, unha medida que se presentou en Chantada por parte do conselleiro José González.

No acto, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, polo alcalde de Chantada, Manuel Varela e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén.

O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.

O titular de Medio Rural destacou que esta iniciativa permitirá mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.

Trátase, sinalou González, de facilitar o sacrificio de ovellas, cabras e porcos nesas zonas, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal.

Así mesmo, engadiu, dinamizaranse estas áreas, ao dotalas dun servizos que as fará máis atractivas para traballar e para vivir. Nesta liña, o conselleiro salientou que con esta iniciativa plásmase o compromiso da Xunta por “impulsar as pequenas explotacións -especialmente as de extensivo-, traballar no benestar animal e ser quen de innovar para mellorar a situación do rural galego”.

Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións presentadas hoxe como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo.