Skip to main content
Monforte

O Goberno local de Monforte presenta os seus orzamentos para 2024, de máis de 16 millóns de euros

Por 19 Novembro, 2023Novembro 20th, 2023Sin comentarios

O Goberno local de Monforte vén de presentar os Orzamentos Municipais para o ano 2024, “que presentamos en tempo e forma por noveno ano consecutivo, cumprindo o compromiso cos monfortinos e monfortinas que adquirín dende que son Alcalde, é dicir, dende o ano 2015”, destacou o rexedor monfortino.

José Tomé incidiu en que “seguimos facendo historia, xa que non hai constancia na historia recente dos gobernos municipais do Concello de Monforte de Lemos, de que ningún Alcalde aprobara os orzamentos en tempo e forma durante 9 anos consecutivos, como así o levamos facendo nós, para que os orzamentos entren en vigor a principios do ano entrante, neste caso o 2024”.

Desta maneira, os orzamentos serán levados a Pleno o vindeiro luns, día 27 de novembro, “no que esperamos que o resto dos grupos municipais tamén o apoien porque trátanse duns orzamentos que son bos para Monforte, e non hai razóns obxectivas para non apoialos, salvo si se practica a política do non polo non”, sinalou José Tomé.

A previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2024 é de 16.386.335,94 euros, máis de 16 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ao ano 2023 de 1.015.189,71 euros, xa que en 2023 era 15.371.146,23 euros, é dicir, un 6,60% máis.

Gasto social nos orzamentos

O gasto social destinado para o ano 2024 na Axuda no fogar (SAF) ascende a 1.894.033,64 euros, que contempla os 50.000 euros que o alcalde decidiu engadir ó importe xa elevado do SAF no presente ano,, polo que o incremento do SAF será de 169.033,64 euros máis que en 2023, que era de 1.725.000 euros, un 9,79% máis.

Por outra banda, séguese mantendo a partida de emerxencias sociais con 60.000 euros en 2024 e, do mesmo xeito, mantense tamén a partida de eficiencia enerxética en 20.000 euros. “Mantemos estas cantidades, porque na execución do presente ano 2023, foron suficientes, e en caso de ser necesario, serían incrementadas” explicou o rexedor.

Do mesmo xeito, mantense a aportación ó programa Xantar na Casa, que xa se incrementara considerablemente en 2023 (57,80% máis, cun aumento de 8.236,80 euros), polo que neste ano 2024 mantemos os 22.484 euros de axudas.

Ademais, o equipo de Goberno mantén a partida correspondente ás actividades que se desenvolvan no Centro Cívico e nas distintas parroquias, a través do Plan Activa, e tamén se incrementa a partida correspondente ás actividades do Campamento Deportivo de verán. En total, o importe destinado ao Campamento Deportivo de verán, o Plan Activa e as actividades do CIM, ascende a 95.000 euros, que son 5.000 euros máis que en 2023.

Pola súa parte, a partida correspondente á adquisición de libros de texto mantense en 25.000 euros e tamén se seguen mantendo as axudas destinadas ao bus para estudantes universitarios e de ciclos formativos en 25.000 euros.

Do mesmo xeito, a partida do servizo de buses escolares, que dan servizo ao alumnado do Colexio Novo e o Colexio de A Gándara, “aínda que non sexa obrigatorio dar este servizo por parte do Concello”, segue sendo de 25.000 euros. E tamén seguirá mantendo o Bus Urbano municipal, que antes de súa entrada en funcionamento como totalmente gratuíto contaba con 5.000 usuarios ó ano, e logo da entrada da gratuidade, actualmente é utilizado por unhas 60.000 persoas ó ano.

Polo que respecta ó importe destinado á gardería municipal, este ascende a 145.952,76 euros, algo que sufraga máis ou menos nun 95% o Concello e tamén hai unha partida de 15.000 euros destinada ao Conservatorio municipal, para a adquisición de mobiliario e instrumentos musicais. Mentres, a partida destinada a asociacións sociais e culturais será de 12.000 euros.

Inversións

Para inversións, o Executivo de José Tomé destina en 2024 1.014.079,70 euros, que irá destinado a melloras e reposicións de vías urbanas, por importe de 340.000 euros, incluíndo a mellora do Polígono Industrial do Reboredo, coa aportación de 201.147,93 euros que vai aportar o Concello para a EDAR.

Tamén se suman os 62.000 euros correspondentes á aportación que debe facer este Concello para o convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en relación coa construción unha nova conexión entre as estradas N-120A e N-120, completando así a Ronda Urbana entre o cruce da rúa San Pedro, a rotonda do Hórreo e a recta de Distriz, quedando completa a circunvalación de Monforte.

“A todo isto, engadiremos as inversións que se farán, tanto en parques e xardíns, como en zonas verdes, melloras de camiños municipais e entornos deportivos, entre outras inversións”.

O alcalde subliñou o importante investimento que vai facer o Concello para o Obradoiro de Emprego, que está a piques de comezar, cun investimento de 81.530,60 euros, “porque apostamos polo emprego, de xeito que con esta inversión imos conseguir a ocupación de 24 persoas por un ano de duración, que desenvolverán a súa actividade formativa e laboral na Escola Obradoiro de A Pinguela, e que algúns deles serán contratados por empresas monfortinas que así se comprometeron”.

Tamén se consolida o importe para a creación neta de emprego que leven a cabo as empresas e os autónomos. Esta contía é de 30.000 euros, que xunto coas importantes bonificacións incorporadas por este Alcalde no ICIO, IBI e IAE para a creación de emprego, demostran o noso compromiso co emprego.

Orzamentos en deportes e cultura

Con respecto ao orzamento investido en deportes, este increméntanse as axudas en 2.000 euros para clubs, e para deportistas individuais, que serán de 10.000 euros. Pola súa parte a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, que foi creada polo alcalde en 2022, será de 12.000 euros en 2024.

Na área de cultura destinaranse 185.000 euros en tres partidas: para actividades de Cultura, 100.000 euros, para a Feira Medieval, 35.000 euros, e para o Festival do Viño, 50.000 euros.

Ademais, a aposta polas Festas Patronais é firme, cun orzamento de 300.000 euros só para o apartado musical, que se incrementará se fose necesario.

Tamén aumenta a partida de premios para o Entroido, con 15.500 euros en 2024 e co obxectivo de potenciar a participacións dos colexios, das asociacións e dos cidadáns neste evento do Entroido, e que non se perda así a tradición de participar nel, axudándolles a cubrir gastos.

Con respecto ó alumeado das rúas nas Festividades (Nadal e Patronais), aumenta en 5.000 euros, alcanzando os 75.000 euros; e a Biblioteca Municipal contará con 32.000 euros para a compra de libros e mobiliario, e para reformar as súas instalacións.

En canto ás subvencións para as festas das parroquias e dos barrios de Monforte, aumenta a partida, que pasa a 32.000 euros, asignando a mesma cantidade de 1.000 euros a cada parroquia ou barrio que a solicite.

Polo que respecta a outras entidades, mantéñense as subvencións nominativas que se viñan concedendo, incrementando a asignada ao Museo de Arte Sacro das Clarisas, polo que o importe para o seu mantemento pasa a 4.000 euros.