Skip to main content
Monforte

Un novo viario de conexión entre as estradas N-120A e a N-120 será executado polo Mitma

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) asinou un convenio coa Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a execución dun novo viario de conexión entre as estradas N-120A e a N-120 e a mellora da seguridade viaria na contorna.

Por unha banda, o convenio ten por obxecto establecer o marco para proceder á redacción do anteproxecto, do proxecto de trazado e de construción, a tramitación ambiental, as asistencias técnicas para a súa execución e a tramitación das expropiacións necesarias. Por outro, ten por obxecto a cesión por parte de Mitma dese tramo de estrada ao Concello de Monforte de Lemos.

O orzamento estimado das actuacións deste convenio ascende a 7,5 millóns de euros (IVE incluído), acordándose o financiamento da seguinte forma: 90% Mitma, 6,66% a Deputación de Lugo e 3,34% o Concello Monforte de Lemos.

Desenvolvemento da actuación

Ademais de financiar a maior parte das actuacións, o Mitma deberá redactar e aprobar o anteproxecto, proxecto de trazado e construción do novo vial de conexión entre a estrada N-120A e a nova N-120 e mellora da seguridade viaria na contorna, en Monforte de Lemos; tramitar o procedemento de avaliación ambiental do citado anteproxecto, tramitar o expediente expropiatorio correspondente, lLicitar e executar as obras, así como contratar todas as asistencias técnicas necesarias para o correcto desenvolvemento da obra; formalizar, á finalización das obras, o cambio de titularidade do tramo executado a favor do Concello de Monforte de Lemos, mediante acta de recepción e cesión subscrita polas Administracións interesadas, na que se definirán con precisión os límites do tramo afectado.

Doutra parte, a Deputación de Lugo deberá financiar parte das actuacións recollidas e o Concello de Monforte de Lemos deberá financiar tamén parte destas, pero tamén aceptar a cesión do tramo executado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O convenio estará vixente ata a recepción e liquidación das obras e, como máximo, por un prazo de 4 anos desde a data en que sexa eficaz, unha vez inscrito no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do sector público estatal. Así mesmo, será publicado no Boletín Oficial do Estado.

A vixencia do convenio poderá prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais, mediante a tramitación da adenda correspondente, despois de cumprir todos os trámites e requisitos que resulten preceptivos de conformidade coa lexislación vixente.