Skip to main content
Pantón

Os socialistas de Pantón denuncian a suba do IBI aprobada polo Goberno local

Por 10 Novembro, 2023Novembro 11th, 2023Sin comentarios

A agrupación do PSdeG en Pantón denuncia que a suba do IBI aprobada polo equipo de Goberno no último Pleno municipal “terá consecuencias nefastas para os petos das familias”.

Así o manifestou o voceiro socialista na localidade, Roberto Prado Díaz, quen explicou que con este incremento “os veciños e veciñas verán incrementado este gravame do 0,49% ao 0,55% nas súas facturas”, o que supoñerá un incremento para as arcas municipais en torno a uns 45.000 euros.

Prado Díaz lembrou que “en maio do pasado ano os socialistas presentamos unha moción a petición veciñal na que se reclamaba ao Goberno a baixada do IBI, co fin de diminuír o tipo de gravame do 0,49% tanto para bens inmobles de natureza urbana como para os de natureza rústica. Agora, reafirmamos unha vez máis que ao PP de Pantón e ao seu goberno só lle interesa o seu peto e non a economía e os ingresos das nosas familias”.

Por outra parte, critican que “en vez de atender as reclamacións veciñais, seguen a diminuír as nosas economías cando estamos a ver como baixan os impostos das grandes fortunas”.

Contra o alcalde e a Xunta

Así, os socialistas din que “seguimos cos incumprimentos e mentiras do alcalde e da Xunta”, o anunciar o compromiso de Sanidade de cubrir a praza do terceiro médico para o Centro de Saúde da localidade. “De novo, a nosa sorpresa ao comprobar que sobre isto nada se sabe e non se contempla nos orzamentos da Xunta para este 2024”, explican.

Polo que, denuncia Prado Díaz, “toda esta batería de promesas e anuncios non son máis que fume e caen polo seu propio peso, a pesar de advertilo en infinidade de ocasións por este grupo socialista, e incluso chegar a demanda veciñal ao propio Parlamento Galego”.

Lamenta que Pantón teña que resignarse a seguir con esta precariedade na asistencia sanitaria que estamos a vivir, por desgraza, día si e día tamén, con falta de atención nas urxencias, e nos domicilios”. Unha situación que consideran “intolerable”, porque din non poder permitir “que se xogue desta maneira coa saúde dos nosos veciños e veciñas”.