Skip to main content
Quiroga

O GDR Ribeira Sacra vén de acondicionar un novo miradoiro para o Xeoparque Montañas do Courel

Por 18 Novembro, 2023Novembro 19th, 2023Sin comentarios

Un novo miradoiro situado na serra de Vilañán, no Concello de Quiroga, permite contemplar a totalidade do val do río Quiroga, dende o seu nacemento na cara suroeste do Pía Páxaro, preto de Vilarbacú, coa unión dos regos Porto Murelos, as Lagoas e Curuxido, ata a súa desembocadura no río Sil en Quiroga, tras recorrer 24 km.

Este miradoiro, que acaba de ser acondicionado polo GDR Ribeira Sacra, forma parte xa do Xeoparque Montañas do Courel para a observación da espectacular paisaxe deste territorio.

Este mirador consistir nunha estrutura de madeira sobre unha rocha que xa se utilizaba para contemplar o val pola súa estratéxica situación e que os veciños da zona xa chamaban a “Pena de Pensar ou Mirador de Vilañán”.

Para facilitar o acceso colocouse unha escaleira de madeira e unha varanda, que se complementaron cun banco que permite gozar comodamente das vistas e da paz e tranquilidade que se respira neste lugar. Como remate da obra, nuns días, colocarase un panel explicativo da zona que se pode ver dende este punto.

Que ver desde o miradoiro?

Desde o Goberno local de Quiroga resaltan os numerosos núcleos espallados por todo o val, Quiroga, San Clodio e puntos destacados como o Pía Páxaro (1.610 m) e Formigueiros (1.639 m), as cumes máis altas do Xeoparque da UNESCO; o Alto do Boi, límite entre os concellos de Quiroga e Folgoso do Courel, ou Castro de Ares poden contemplarse dende este miradoiro. Sen esquecernos da serra de Ribas de Sil na subida a San Xoán de Río (Ourense).

O miradoiro está situado a 7 km de Quiroga e para ir cara a el, haberá que pasar por 4 km de pista asfaltada dende a vila quiroguesa a Vilañán, mentres que os tres seguintes discorren por unha pista de terra, a mesma que leva ata o despegue de parapente.

Este recorrido foi o que fixo o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, para comprobar esta nova estrutura e comprobar as vistas que se atopan nun dos momentos máis espectaculares co colorido do outono que viste todo o val, especialmente ás cepas das que sae o viño de Quiroga.

Este miradoiro xa forma parte da rede de miradoiros do Xeoparque Mundial Nontañas do Courel, que a través de 26 puntos estratéxicos repartidos por todo o seu territorio permite observar dende perfectos escaparates, a rica historia xeolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural que este xeoparque engloba.