Skip to main content
Quiroga

Quiroga garda un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista

Por 26 Novembro, 2023Novembro 27th, 2023Sin comentarios

Unha concentración diante da casa consistorial poñía de manifesto a repulsa do Concello de Quiroga contra todo tipo de violencia machista este sábado con motivo do 25N. Co fin de fomentar unha convivencia baseada no respecto e na igualdade a área de igualdade do concello convocaba unha concentración ao mediodía.

No encontro, unha emocionada concelleira de Educación e Igualdade, Mayte Pérez Grao, desexaba que no futuro “non haxa que conmemorar ningún 25 de novembro, colocándonos todos e todas baixo o mesmo paraugas contra a violencia machista”. Dende o Concello amosábase así “o rexeitamento máis unánime contra a violencia contra as mulleres en calquera das súas manifestacións, non admitindo ningún tipo de xustificación”. Ademais, estacou o compromiso para seguir traballando “na erradicación de todas as formas de violencia machista e avogando por políticas activas para construír unha sociedade máis xusta e segura para todas as persoas, con independencia do seu xénero”.

Pérez Grao tamén pedía enerxicamente que “entre todos e todas fagamos unha Quiroga na que este tipo de conductas non teñan cabida”. A concentración remataba cun minuto de silencio polas 1.237 mulleres que foron asasinadas en España dende o ano 2003, 52 delas neste 2023, deixando a 49 nenos e nenas orfos.

Esta xuntanza formaba parte dos actos que dende o Goberno de Quiroga se organizaron con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres. Entre o programa organizado por esta causa tamén se atopaba un obradoiro O Consentimento, que se desenvolvía o venres pola mañá no CEIP de Quiroga e a charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual que se desenvolverá o luns no IES de Quiroga.