Skip to main content
Ribas de Sil

Comezan as obras para reparar a estrada danada polas choivas en Ribas de Sil

Por 28 Novembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo arrancou este luns as obras necesarias para reparar os danos provocados polas intensas choivas de principios deste mes na estrada LU-P-5303, á altura do concello de Ribas de Sil. En concreto a actuación lévase a cabo no punto quilométrico 5,200, que sufriu un afundimento.

Desta forma, unha vez que a xunta de Goberno aprobou o pasado venres a declaración de emerxencia dos traballos para poder acometelos con maior axilidade, a institución inicia de inmediato as actuacións, que requiren dun investimento de 85.000€ e teñen un prazo de execución previsto de dous meses.

As obras consisten na restitución do sostemento da estrada como consecuencia do colapso do muro e a pavimentación con aglomerado en quente do firme da zona afectada. A empresa encargada é Escavacións Goni, a adxudicataria do contrato de conservación das estradas provinciais nesta zona da provincia. A vía continuará cortada ao tráfico por seguridade, con desvíos alternativos debidamente sinalizados, ata a finalización das obras.