Skip to main content
O Saviñao

A Asociación Veciñal do Saviñao pide que melloren varias estradas do municipio

Por 8 Novembro, 2023Novembro 9th, 2023Sin comentarios

A Asociación Veciñal do Saviñao solicitou ao Concello e á Deputación de Lugo medidas de seguridade vial en distintos puntos do municipio por haber “conflictividade circulatoria no territorio do Saviñao”.

Así, explican que se fan eco das necesidades sentidas pola veciñanza e solicítalle ao Concello que lle faga chegar á Deputación Provincial, titular das estradas afectadas, a necesidade de levar a cabo as diferentes actuacións de mellora.

Peticións

En primeiro lugar, piden que na Estrada provincial 4102 Escairón-Currelos se limite a velocidade a 50 km/h no paso polo Gorgozo e por Xuvencos debdo ao “exceso de velocidade co que circulan moitos vehículos ao paso por estes dous lugares”.

Ademais, suxiren que se coloquen elementos disuasores, como sinais luminosos de limitación, bandas reductoras da velocidade nas entradas á poboación ou semáforos que se poñan en vermello ao superar a velocidade.

Por outra banda, na Estrada 4102 Escairón-Ferreira de Pantón piden a colocación de bandas reductoras da velocidade na estrada Xán de Forcados de Escairón, á altura do parque infantil, que obriguen a aminorar a velocidade.

Con respecto á estrada 5806 Montecelo-Fodo de Vila, piden que se instalen sinais limitadores da velocidade a 30 km/h no lugar de Galegos, “dada a estreiteza da calzada ao paso pola poboación”, explican.

Por último, na estrada 5804 Escairón-Rebordondiego propoñen limitar a circulación a un só sentido no centro de Escairón, desde o cruce ata a praza de España, no tramo que inclúe a praza Bernardino Ribadavia e a praza Maior, “para evitar o colapso circulatorio que se observa a diario nesta zona”, conclúen.