Skip to main content
Cultura SARRIAXAO Incio

Descubrindo o patrimonio: Igrexa Parroquial de San Vicente de Rubián de Cima

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

A Igrexa de San Vicente de Rubián de Cima é unha das construcións patrimoniais máis importantes do Incio. Deseñada na época románica e que conserva varios elementos de posible influencia prerrománica, data do século XIII, segundo os estudosos.

Preto da estrada que vai do Oural á parroquia de Rubián de Cima, situada a 12 quilómetros de Sarria, esta construción do patrimonio cultural do Incio ten unha planta dunha única nave rectangular e unha cabeceira da mesma forma. Arredor, está acompañada por un atrio-cemiterio e unha sancristía no seu lado norte.

Do románico, consérvase a porta principal, que é abucinada e permite o acceso ao interior grazas ás tres arquivoltas superpostas e aos arcos, tanto exterior como interior, que se apoian no muro e nas columnas con bases dóricas, que se apoian, á súa vez, sobre capiteis decorados con motivos vexetais, moi sintetizados e con pouco detalle, o que dá a sensación de sinxeleza.

Pola súa parte, o tímpano desta construción é apuntado e ten un arco que segue as liñas das arquivoltas, como se ve noutros templos, como na Igrexa de San Xulián de Santalla de Bardaos, en San Cristovo de A Cervela e en San Mamede de Vilasouto, todas elas construídas tamén no Incio. Porén, é un dos poucos templos do municipio do Incio que se atopa en bo estado de conservación.

A pesar de ser románica, pódese ver a utilización de materiais como o granito para a parte frontal occidental, as esquinas e as ventas; pero tamén hai presenza de lousa nos muros.

Máis elementos

A Igrexa de San Vicente de Rubián de Cima está gardada por uns muros laterais no seu lado sur que conservan a base de apoio dun posible pórtico.

No seu interior, por outra banda, pódese atopar a cuberta construída a dúas augas soportada por tirantes que cobren a nave, mentres que a ábsida foi reconstruída e levantada en altura.

Aquí dentro conserva un retablo barroco, formado por un só corpo, con varias imaxes talladas a mediados do século XVIII, de aí que se pense que ese é a data de construción da propia igrexa.

Ademais, contén no seu interior dúas ventás por cada lado dos muros laterais construídas con arcos de medio punto e derrame interior. Unha delas, situada na ábsida, que está tapiada, está construída cun arco monolítico que se apoia en columnas rematadas en capiteis con motivos ornamentais. Na da dereita hai caras humanas e na da esquerda represéntanse aves.

A parroquia de Rubián de Cima

Rubián de Cima é unha das parroquias máis pequenas do municipio do Incio, pero nela hai diferentes construcións patrimoniais relacionadas coa tradición señorial, como o pazo de Albarado, e a relixiosa, como a igrexa románica de San Vicente.

Ademais, en Rubián de Cima está o muíño da Muíña ou de Arriba, no arroio da Muíña, o pazo de Rubián de Cima, tamén coñecido por Casa de Albarado, no lugar da Torre. Esta casa foi propiedade da familia dos Sobrado e Lope Ares de Rubián e Inés Ares foron os primeiros propietarios que se coñecen da casa, mentres que Teolindo Caldas Armesto foi o último dono.