Skip to main content
Láncara

Ata 20 liñas de autobús circulan por Láncara para cubrir a demanda de transporte público

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia financia ata 20 liñas de autobuses que circulan por Láncara, sete delas son exclusivas de transporte escolar, cinco son integradas -rutas escolares ás que pode acceder a veciñanza- e oito son liñas regulares do transporte metropolitano con 20 expedicións, que conectan o municipio con Lugo e outras localidades da provincia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo este xoves una xuntanza co alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, para abordar a situación do transporte, na que tamén participaron técnicos da Xunta e Lucía Castro e Antonio Fernández, representantes da empresa Monbús.

No encontro púxose de manifesto o forte incremento de viaxeiros no transporte público, derivado da superación da pandemia, do inicio do curso escolar e do abaratamento do billete, ao que non é alleo este municipio. En concreto, no conxunto da provincia a demanda medrou nun 13% no primeiro semestre do ano, traducíndose en 157.813 billetes expedidos máis que no mesmo período do 2022.

Arias explicou que se debe ás medidas postas en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, como a tarxeta Xente Nova, coa que poden viaxar de balde os mozos e mozas ata os 21 anos, ou os descontos que ofrece o uso da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), que agora mesmo chegan ao 50% do prezo do autobús.

Deste xeito, o billete en autobús desde A Pobra de San Xiao ata Lugo custa 70 céntimos, e desde Sarria 1,15 euros. A conexión por estrada entre ambas as localidades tamén se viu beneficiada pola apertura do tramo de autovía.

Con respecto ao autobús que pasa pola Pobra ás 8 da mañá cara a Lugo, a frecuencia de maior demanda, o delegado explicou que o traxecto realízase nun vehículo de clase II, con 69 asentos e concibido para poder transportar viaxeiros de pé en determinadas circunstancias nun percorrido curto, como este caso. Así mesmo, sinalou que nese tramo horario hai outro servizo media hora antes e un terceiro ás 9 da mañá. Ademais, Monbús reforza o servizo cando é necesario, como ocorre a miúdo coa expedición de volta que sae de Lugo ás 15,20 horas.