Skip to main content
O Páramo

O PSOE denuncia que O Páramo non terá residencia de maiores, “a pesar das promesas na campaña electoral”

O PSOE do Páramo critica que non se cumpran as promesas feitas polo Partido Popular do Páramo, que actualmente goberna, durante a época de campaña electoral.

Así, concretamente, explican que durante o mes de maio “díxose que a Casa de Amelia, situada no campo da feira do municipio e propiedade do Concello, sería o lugar no que se establecería o lugar da residencia de maiores e o centro de día. É máis, desde o PP dicían que había xa un compromiso firmado pola Xunta de Galicia para levar a cabo o proxecto e a súa construción”, sosteñen.

Porén, despois de máis de 100 días desde que o goberno local xa está en funcionamento “non é só que non se soubese máis sobre o asunto, senón que saíron os investimentos da Xunta en Lugo 2024-2027, e O Páramo non aparece, polo que non ten consignación orzamentaria”.

 Por todo isto, din que “as promesas da campaña electoral por parte do PP non se cumpren” e O Páramo seguirá sen unha residencia nin centro de día para unha poboación rural e cada vez máis envellecida.